As obras para mellorar tres pistas no Polígono Industrial dos Acivros comezarán a finais de outubro

RibeiraSacraXa
“Queremos seguir mellorando o noso parque empresarial e aproveitamos esta convocatoria de achegas para acondicionar tres novas vías", sostén o rexedor
alcalde-Chantada
21 sep 2024

O Concello de Chantada tiña solicitada unha axuda para mellorar tres pistas no Polígono Industrial dos Acivros, coa subvención concedida o concello tiña que aportar máis de 90.000 euros, pero despois de novas xestións, acadouse unha subvención da Consellería de Industria de 104.000 euros, para un proxecto cun orzamento total de pouco máis de 111.000 euros.

As obras, adxudicadas á empresa Fevisa, comezarán previsiblemente a finais do vindeiro mes de outubro e teñen un prazo de execución dun mes. As actuacións consistirán na reparación e mellora de tres viais, un dentro do propio polígono e dous viais de acceso.

“Queremos seguir mellorando o noso parque empresarial e aproveitamos esta convocatoria de achegas para acondicionar tres novas vías. Botaráselles aglomerado en quente para dar mellor servizo para as parcelas que xa hai vendidas e que nalgúns casos teñen empresas xa funcionando. Potenciando o polígono fomentamos o asentamento de novas empresas que crean emprego”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

Este tipo de subvencións cun límite máximo de 120.000 euros por proxecto destínanse á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias.

Mentres se executa a mellora destes tres viais, o Concello de Chantada segue traballando na ampliación do Polígono para poder acoller novas empresas. “Agora estamos pendentes da tramitación medio ambiental, unha vez aprobados eses trámites haberá que concretar unha proposta de ampliación para poder comezar a negociar novas parcelas”, conclúe o rexedor.

0.18281602859497