As obras do Parque do Barrio do Hospital de Monforte avanzan a bo ritmo

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitou as obras do Parque do Barrio do Hospital, que avanzan a moi bo ritmo
OBRAS PARQUE BARRIO HOSPITAL
1 Xuño 2022

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitou, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé, as obras do Parque do Barrio do Hospital “onde comprobamos que avanzan a bo ritmo, logo de que as adxudicáramos á empresa Calfensa Proyectos S.L. polo incumprimento da empresa que fora inicialmente a adxudicataria das mesmas”.

Cabe recordar que as obras para rematar o novo parque foron adxudicadas á empresa Calfensa Proyectos S.L., por un importe de 590.347,87 euros, e que esta empresa retomou as actuacións a principios do mes de abril dende o punto en que o deixara a anterior empresa adxudicataria, que non cumplira coa execución de ditas obras no prazo establecido, rescisión que fora ratificada polo Consello Consultivo de Galicia.

O alcalde informa, neste senso, que “a extracción de terras así coma a construción do muro de contención de pedra de granito xa están rematados”.

A SEGURIDADE, PRIMORDIAL

Do mesmo xeito, “xa se levou a cabo a construción da base de cemento da plataforma que sustentará o futuro Parque de xogos infantis, estrutura sobre a que irá ubicado o céspede artificial  e o pavimento de caucho absorvedor de impactos, para garantir que os pequenos non se lastimen”.

Polo tanto, destacou José Tomé, “as obras avanzan ó ritmo previsto, e se todo segue desenvolvéndose segundo o planificado, no mes de xullo poderían estar rematadas”.

A previsión é que ó longo do mes de xuño sexan colocados os elementos de xogo do Parque Infantil, mobiliario así como a súa valla perimetral.

Do mesmo xeito, tamén restará por conformar os paseos do Parque do Barrio do Hospital así como o resto de zonas verdes e o novo estacionamento.

RESPOSTA A VARIAS CUESTIÓNS

O novo parque público do Barrio do Hospital ideado polo Equipo de Goberno monfortino terá un carácter integral para dar resposta a varias cuestións ó mesmo tempo, de tal xeito que vai incluír varias zonas de céspede, unha zona de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, estará dotado de varios elementos biosaudables de ximnasia para maiores e finalmente contribuirá a paliar o déficit de estacionamento na zona do Hospital contando co aproximadamente 60 prazas de estacionamento para vehículos e tamén contará con estacionamentos para motos, para bicicletas e prazas para minusválidos.

A superficie da parcela que albergará este parque será de aproximadamente 6.212 metros cadrados, unha extensión moi importante e que ven dar un servizo público do que carece esa zona da cidade.

0.1482949256897