As obras do novo túnel do Oural atópanse ao 54 % da súa execución
A construción do novo túnel de Oural (1,8 km), que substituirá ao actual en servizo dende hai 140 anos, mellorará o estado da infraestrutura e aumentará a fiabilidade das liñas e a calidade do servizo.
As obras do novo túnel do Oural, que Adif está a levar a cabo cun investimento de 51,5 millóns de euros, xa se atopan ao 54 % da súa execución. Así, con case 1 quilómetro escavado e a un ritmo de 45 metros semanais, e a actuación de maior envergadura do proxecto de renovación do corredor Ourense-Monforte de Lemos-Lugo.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, desprazouse ata o municipio sarriano para coñecer in situ as melloras realizadas no túnel do Oural, que progresan segundo o calendario establecido, “unha vez superado o desafío técnico e de enxeñería que sempre supón poñer en marcha unha actuación destas dimensións e características, nas que están a traballar máis de 100 persoas”. Fíxoo acompañado da subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o Tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez; o deputado provincial, Pablo Rivera; o subdirector de Operacións Centro da Rede Noroeste de Adif, Julio Sánchez, e o xerente de Área de Mantemento de Ourense e P.D. Noroeste de Adif, Luís Palacios.
Blanco incidiu en que “estamos a saldar unha débeda cos lucenses, cun investimento de 546 millóns para modernizar o ferrocarril que permitirá mellorar a fiabilidade e competitividade do tramo Ourense-Monforte de Lemos, fundamental dada a súa incorporación ao Corredor Atlántico de Mercadorías, ao tempo que conectamos Lugo coa alta velocidade a través de Ourense, facendo máis competitivas as nosas empresas e impulsando a economía da Galicia interior”.
Neste sentido, o delegado insistiu en que o Goberno seguirá impulsando melloras en materia ferroviaria e demostrándoo con feitos. Así, o Adif xa executou ou contratou actuacións por valor de 485 millóns de euros, que representan o 88% do investimento total da modernización deste corredor. “E o facemos porque somos conscientes de que estes investimentos son claves e decisivos para o desenvolvemento dos territorios, co principal obxectivo de garantir o dereito á mobilidade das persoas e á igualdade de oportunidades. Por iso, a nosa folla de ruta é clara, contar con boas infraestruturas que prioricen a eficiencia, a utilidade e a sustentabilidade, contribuíndo a deseñar a mobilidade do presente e tamén do futuro ferroviario de Lugo”.
“Proxectos coma este en Sarria, o desbloqueo da estación intermodal de Lugo, con 21,6 millóns; ou a ampliación da variante da Pobra de San Xiao, en Láncara, con outros 21 millóns, exemplifican que para o Goberno a vertebración territorial é unha auténtica política de Estado, apostando por unha mobilidade sostible e sacando a Lugo do abandono que algúns o deixaron, traballando e poñendo encima da mesa investimentos para que os lucenses conten cun ferrocarril digno”, engadiu Pedro Blanco.
“Polo tanto, queda traballo por facer, pero é evidente que as tornas cambiaron e que hoxe Lugo e Galicia si están presentes nos plans do Goberno”, concluíu o Delegado.
Novo túnel do Oural
A solución adoptada neste punto é a construción dun novo túnel de Oural (1,8 km) que substituirá ao túnel actual en servizo dende hai 140 anos, mellorando as súas prestacións. A súa construción, integrada nos proxectos de modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, perseguen unha dobre finalidade: mellorar o estado da infraestrutura e aumentar a fiabilidade das liñas e a calidade do servizo.
O novo túnel execútase paralelo ao actual, separado 30 metros entre eixos, que se manterá como galería de emerxencia, e dispoñerá de espazo suficiente para albergar a catenaria, así como aceira de emerxencia e galerías de evacuación, entre outros elementos. A estrutura exponse cunha sección de 52 m2 en vía única (do mesmo xeito que os tramos adxacentes), que se executará desde as dúas frontes de escavación para minimizar os prazos de execución. A montaxe de vía efectuarase ‘en placa’ no interior do túnel e parte do exterior, con pasos biviales para o acceso de vehículos de emerxencia ou mantemento.
O túnel contará con liña área de contacto (catenaria), sistemas de sinalización e comunicacións adaptados á nova solución proxectada, sistema de ventilación e sistemas de protección civil, así como instalacións de telecomunicacións e dúas zonas de instalacións auxiliares (ZIA), unha en cada emboquille.
Executaranse tres galerías transversais de evacuación, cunha distancia máxima de 500 m entre unha e outra. A sección de galería central será apta para vehículos, mentres que as laterais serán de tipo peonil. A adecuación do túnel actual como galería de emerxencia implicará a retirada de vía e balasto, a execución dunha soleira de formigón transitable, así como un tratamento de impermeabilización. Así mesmo, executarase un paso superior e dous camiños de emerxencias, un para cada boca.
Escavación en dúas fases
A escavación do túnel faise en dúas fases, utilizando medios mecánicos e explosivos seguindo as directrices do Novo Método Austríaco (NATM). A fase de avance comprende a escavación da parte superior do túnel desde cada unha das bocas ata o seu encontro no interior, operación que se denomina “cale”.
Actualmente, o grao de avance da escavación é de 365 metros desde a boca Sur (lado Monforte) e 610 metros desde a boca Norte (lado Lugo), a un ritmo de 45 m semanais. Unha vez “calado” o túnel procederase a escavar os dous 2,5 m restantes da base ata conseguir a súa sección completa. Posteriormente, procederase ao revestimento de todo o túnel con formigón e á montaxe dos carrís sobre placa de formigón; ademais, colocaranse os elementos de electrificación e os equipos de protección e seguridade do túnel.
Como obras complementarias contémplanse a adecuación do túnel actual como galería de acceso e mantemento; a construción de dous camiños de acceso ás zonas seguras das bocas; a reposición dunha liña eléctrica e a construción dun paso superior para dar continuidade á estrada de Vilamaior.
Críticas do Partido Popular
Pola súa banda, o Partido Popular de Lugo destaca que as obras que está a realizar Adif, en Oural, acumulan un retraso de tres anos e “non son nin alta velocidade e nin van a permitir a velocidade alta”. Así o poñen de relevo, afeando ao delegado do Goberno en Galicia a ousadía de afirmar que os traballos marchan a bo ritmo.
Tal é así que, os deputados e senadores electos o pasado 23 de xullo, Francisco Conde, Jaime de Olano, Cristina Abades, José Manuel Barreiro, María José Gómez e Juan Serrano, respectivamente, manifestan que “son obras con retrasos e con recortes”, pois, ademais de seren prometidas en 2020, a velocidade dos trens Ourense-Lugo coas obras que está a facer o Ministerio é de 160 km/h, moi por debaixo das velocidades que alcanza un AVE (300 km/h), e tamén por debaixo das velocidades máximas do Eixo Atlántico (200 km/h).
Neste senso, os populares piden, unha vez máis, a inclusión de Lugo na Alta Velocidade para superar a discriminación da provincia nas comunicacións por tren por parte do Goberno.