As obras do novo pavillón da Pinguela de Monforte rematarán o 30 de setembro
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polos concelleiros de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, e de Deportes, José Manuel Mougán, supervisou a evolución das obras de reforma do Pavillón municipal da Pinguela.
Na visita, José Tomé destacou que “algo máis de 120 días despois do inicio das obras, e con máis dun 70 % da obra executada xa se pode apreciar cal vai a ser a nova imaxe da instalación deportiva. Unha imaxe actual e moderna, na que se reordenan os espazos que permiten crear un novo ximnasio e almacén na planta baixa e aumentar a zona destinada a despachos en 85 metros cadrados”.
O rexedor tamén subliñou que “estamos cumprindo os prazos de execución da obra, que está previsto remate a finais do mes de setembro, dando cumprimento así coas esixencias para poder ser beneficiarios da subvención concedida polo Consello Superior de Deportes, que establece que as obras deberán estar finalizadas antes do 30 de setembro de 2023”.
A adxudicación desta importante obra fíxose por un importe de 3.708.051,62 euros, o que supuxo un baixa do 3,10 % (118.627,03 euros) con respecto ao presuposto base de licitación. Foi adxudicada no mes de marzo á UTE Construcciones Castro Figueiró S.L.U.-Xestión Ambiental de Contratas S.L. A financiación da obra é compartida polo Consello Superior de Deportes, que aportou o 53,52 % do orzamento (1.984.462,24 euros) e o Concello de Monforte, que aportou o 46,48 % restante (1.723.589,38 euros).
Mellora integral do Pavillón da Pinguela
No caso das obras de reforma do Pavillón da Pinguela, estas suporán unha mellora na eficiencia enerxética do edificio, que permitirá pasar dunha cualificación enerxética E a una cualificación enerxética B, en canto a consumo de enerxía primaria non renovable, e dunha cualificación enerxética F a unha cualificación enerxética A, en canto a emisións de CO2 .
O novo pavillón contará cunha imaxe actual e moderna, na que se reordenan os espazos que permiten crear un novo ximnasio e almacén na planta baixa e aumentar a zona destinada a despachos en 85 metros cadrados.
Na planta superior, a instalación contará con gradas arredor da pista deportiva, para o que se amplía a grada actual e se constrúen novas gradas no lado oeste e nas dúas cabeceiras, norte sur. Isto permitirá pasar dun aforo de 465 persoas, da antiga instalación, a 1.198 localidades, o que permitirá a organización de competicións de máis alto nivel.
O resto de espazos, pista deportiva, vestíbulo, vestiarios, aseos, etc. van ser totalmente novos.
O exterior do edificio tamén vai a lucir unha nova imaxe, xa que se van a urbanizar un total de 1.400 metros cadrados arredor do pavillón, humanizando así todo o perímetro da instalación.
O alcalde sinalou que co avance destas obras “melloraremos a vida dos monfortinos proporcionándolles os mellores servizos. Imos conseguir unha maior comodidade da gradaría, melloras nos aseos e vestiarios, amplíanse as zonas de almacén e de despachos, mellórase en accesibilidade e seguridade, pero sobre todo, auméntase considerablemente o aforo do pavillón, permitindo que se realicen nel competicións ao mais alto nivel”.