As obras da zona do Campo de San Antonio en Monforte obrigan a regular o tráfico dende o 26 de abril
O Concello de Monforte informa sobre a regulación do tráfico que se levará a cabo na zona do Campo de San Antonio por obras de mellora no firme na LU-P-3202 entre a glorieta de intersección coa LU-664 e a glorieta de acceso coa CG-2.2, é dicir, a entrada desde a estrada de Ourense e a entrada desde a rúa Chantada.
As obras, que consistirán no fresado e asfaltado mediante aglomerado do firme de ditas vías, levaranse a cabo na vindeira semana, en concreto dende o martes día 26, e con previsión de que finalicen a finais de dita semana.
As zonas afectadas polas obras de mellora son:
- Rúa Ourense, desde o seu entronque con rúa Chantada ata praza Campo de San Antonio.
- Praza Campo de San Antonio, no seu vial norte.
- Rúa Teceláns, desde o seu entronque con rúa Chantada ata Praza Campo de San Antonio (Norte)
- Rúa Abeledos, desde o praza Campo de San Antonio ata o entronque en abanico con Rúa Poeta Manuel María e Rúa O Saviñao.
Durante o tempo de execución dos traballos de mellora, as rúas permanecerán pechadas ó tráfico e as zonas de estacionamento quedarás liberadas de vehículos.
A fin de informar ós condutores, a Policía Local sinalizará convintemente a zona afectada, para proceder ao corte do tráfico a mañá do día martes 26 de abril e ata a finalización dos traballos.
Dende o Concello agradecemos a comprensión dos veciños e condutores e rogamos desculpen as molestias que estes traballos poidan ocasionar.
ACTUACIÓNS DE MELLORA
O Campo de San Antonio, na súa zona de acceso de vehículos, dispón de pavimentación con pedra e con aglomerado, segundo as zonas. Dentro das zonas pavimentadas con aglomerado asfáltico, dúas delas, a entrada desde a estrada de Ourense e a entrada desde a rúa Chantada, estaban en mal estado de conservación, con numerosas roturas do pavimento, e algúns baches, motivo polo cal o Concello decidiu acometer este traballo de reparación da pavimentación deses dous tramos de vías.
Polo tanto, na vindeira semana procederase, en primeiro lugar, ó fresado do firme actual, así como o cortado do pavimento asfáltico en unión cos outros dous tramos nos que non se actúa.
Posteriormente, procederase ao varrido e limpeza para a posterior aplicación da nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico, de 4 cm. de espesor. Unha vez terminada a aplicación desa nova capa, procederase ó recalce de tapas de arquetas, algunhas para adaptalas ao nivel do pavimento e outras para reparalas dado que están moi deterioradas. Para rematar, procederase ó pintado de marcas viais en símbolos e liñas.
As actuacións de mellora abranguerán uns 200 metros lineais entre ambas vías, nunha superficie total de 685 m2 e o Concello destinou un orzamento de 11.234,18 € ive engadido.