Ás nosas queridas vacas

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
11 Maio 2022

Por Raúl Río

Os que desgobernan Galiza, desde Madrid e desde a Xunta, están baleirando as nosas aldeas e o noso agro estase quedando sen xente e sen vacas. Desaparecen as explotacións leiteiras e tanto nos montes, coma nos agros e nos prados, plántanse eucaliptos para maior gloria de ENCE e dos políticos dos dous grandes partidos españois que entraron e entrarán pola porta xiratoria no seu consello de administración e deixan ó noso pobo sen futuro.

Dicían os políticos da dereita (que sabían do aprecio e da necesidade que os labregos tiñan das vacas para a súa economía) que os da esquerda llas ían quitar si chegaban ao goberno, pero non son os da esquerda os que llas están quitando, senón eles mesmos coas políticas antiagrarias deseñadas polos tecnócratas de UE e aplicadas por eles para arruinar o noso agro, quitarlle valor ás nosas terras e apostando polas macrogranxas que escravizan e deshumanizan ós animais, converténdoos nun simple número. Alí viven en condicións pésimas sen poder moverse, alimentándose con produtos prefabricados e producindo carnes de baixa calidade, de dubidosa salubridade e un gran dano ecolóxico a este planeta no que vivimos.

Todos os animais son queridos na casa dos nosos labregos e labregas, pero a vaca sempre foi o animal mais mimado polo campesiñado. As vacas eran tamén as compañeiras de traballo deles e delas, pois antigamente  sempre as acompañaban nos seus traballos do campo, tirando do arado, da grade ou do carro, aínda que coa chegada dos tractores perdeu ese concepto de “compañeira” e deshumanizouse algo a relación que había entre ambos. Ademais agora, debido ás políticas aplicadas e o desamparo no que se atopan por parte das administracións, só quedan unhas cantas explotacións leiteiras en cada parroquia, que van malvivindo debido aos baixos prezos do seu produto no mercado.

Castelao dedícalle a este animal un precioso fragmento no seu libro Sempre en Galiza, no que afirma que “a vaca esqueceuse dos cornos e danos o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seu fillos. Non nos pode dar máis”. Outra cousa que nos aportaba, e que lle quedou a Castelao no tinteiro, era que desde a corte, que se atopaba normalmente na parte baixa da casa, tamén daba calor, que por medio do piso de táboas pasaba o primeiro andar onde estaban as habitacións nas que durmía toda a familia.

Son animais pacíficos; de aí que diga Castelao que “a vaca é un símbolo da paz” e Fr. Marcos da Portela asegura no seu “Catecismo do Labrego” que ata os bois da nosa terra son pacíficos. Tamén Xaquín Lorenzo (Xocas), no seu impresionante documental “O carro e o home”, lémbranos que un “carro de vacas pode ser conducido, non só por un home afeito a este traballo, senón mesmamente por un picariño, calquera pode conducir as vacas, que teñen a mansedume e a forza de todo o que é realmente grande”.

Os e as paisanas poñíanlles nomes (todos en feminino, como diría Feijóo): Gallarda, Roxa, Garrida, Linda ou Marela para distinguilas entre si e polo nome xa saiban elas perfectamente a quen se dirixían e facían caso ao que se lles mandaba. Cando eu era neno tíñamos a Roxa e mais a Linda, e como eu non quixen mamar a teta foron elas as que me deron o seu leite para encher o biberón. Dicía miña nai que eran tan mansas e intelixentes que non facía falta chamalas pola corda e que, mentres levaba a meu irmán no colo, sentábame a min no carro e procuraban andar amodo para que non caera. Seica cando íamos os nenos no carro portábanse doutro xeito, indo mais amodo e con mais coidado que si o carro fora baleiro.

Existen mais de 800 razas de vacas, pero case todas as que tiñan os labregos eran rubias galegas, que  son as mais bonitas e as mais traballadoras. Eran tan dóciles e intelixentes que, cando ían co arado, unha vez adestradas ían solas seguindo o rego sen chamalas pola corda, que era o traballo que menos me gustaba facer. Despois empezaron a traer vacas leiteiras da raza frisoa ou vaca Holstein, pero grazas que ao mesmo tempo viñeron tamén os tractores, porque estas daban mais leite pero non valían para traballar o campo nin para tirar do carro.

A literatura galega non foi allea á importancia das vacas na economía da nosa nación e non só Castelao, O Tío Marcos da Portela e o antropólogo Xaquín Lorenzo, senón que o periodista e sempre amigo, Alfonso Eiré López, dedicoulles dous libros: “Memorias dunha vaca marela” e “Eu tamén fun coas vacas”, pero tamén Manuel María, Manuel Leiras Pulpeiro e a outros moitos poetas e escritores lles serviron de inspiraron.

Para rematar quero deixar aquí este precioso poema do chairego e amigo Darío Xohán Cabana, que, para a nosa desgraza, deixounos o 16 de novembro do ano pasado:

A vaca é paz e fartura,
alegría dos labregos,
honra e proveito da corte,
galanura dos pasteiros.
A vaca fai o traballo,
a vaca dá leite fresco;
da vaca saen os xatos,
a manteiga mais o queixo.
O leite é parva e é cea
con rafas de pan centeo.
Os becerros son os cartos
dos abonos e os aveños.
Senón fora pola vaca,
que sería dos labregos.

0.19275283813477