As máquinas das obras na LU-651 foron retiradas sen previo aviso e o PSOE do Courel esixe explicacións
Os socialistas do Courel esixiron no último pleno municipal á alcaldesa de Folgoso do Courel explicacións polo parón das máquinas nas obras da Xunta de Galicia na estrada LU-651, pois foron retiradas o pasado venres, unha situación ante a que a rexedora “non ofreceu información clara nin precisa”, sosteñen os socialistas.
Defenden que "os veciños e veciñas do Courel temos dereito e merecemos coñecer que ocorre con estas obras, se hai algún problema na súa execución ou se se van suspender ou ralentizar”.
A voceira do PSdeG no Concello e candidata á Alcaldía, Carmen Álvarez, asegurou que esta “total falta de transparencia” é unha proba máis de que a aAlcaldesa “sempre lle quere salvar a cara ó PP na Xunta de Galicia, poñendo os seus intereses partidistas por riba dos intereses dos veciños”, algo que “nós non imos permitir”, polo que, avanzou, “reiteramos publicamente esa solicitude de explicacións, ante a falta de resposta clara e ante a preocupación que nos manifesta a veciñanza”.
“Por que non están traballando as máquinas? Que está facendo a Xunta de Galicia? Cando se retomarán os traballos?”, pregunta a VVoceira do PSdeG, lembrando que este novo contratempo súmase “á nefasta xestión” que vén facendo o Goberno autonómico con respecto á LU-651, a principal arteria de comunicación do Courel porque artella o concello, sen que “a alcaldesa dea a cara polos seus veciños en ningún momento”.
Neste sentido, Carmen Álvarez lembra que a mellora da estrada entre Seoane e Folgoso do Courel “leva pendente, bloqueada e sen executar dende fai máis dunha década”, que un tramo da estrada que a Xunta decidiu establecer como desvío “é intransitable”, e que un treito da vía entre Folgoso e Quiroga leva afundido hai máis dun ano, pois derrubouse o 20 de marzo de 2022.
E avanzou que si goberna o PSdeG executaranse de xeito urxente os tramos pendentes nesta estrada, “como xa se fixo no Goberno de Pérez Touriño”.