As lapas continúan o seu avance en Quiroga cara os montes de Outeiro e Soldón da Seara

Hoxe cumpriuse unha semana do inicio do incendio de Larouco, que o pasado venres 15 de agosto entrou no municipio de Quiroga e se converteu no lume máis grave rexistrado no concello, con máis de 20.000 hectáreas calcinadas.
A quinta xornada das lapas no concello de Quiroga resultou especialmente complicada para traballadores e veciñanza das aldeas máis próximas ao lume. Núcleos como Centeais, Bendollo, Montefurado e Vilaster víronse rodeados polas lapas e tiveron que afrontar unha noite de gran preocupación, na que efectivos e voluntarios permaneceron en alerta para protexer as vivendas. O cambio de vento, explican dende o Concello resultou determinante para mellorar a situación e evitar que o lume chegase ás casas.
Na mañá de hoxe o incendio continuou avanzando cara aos montes de Outeiro e Soldón da Seara, onde a Unidade Militar de Emerxencias está a desprazar maquinaria pesada. Desde primeiras horas da mañá tamén operan os medios aéreos, considerados fundamentais neste operativo.
As altas temperaturas previstas para a xornada serán un factor a ter en conta no desenvolvemento dos traballos de extinción, nun momento no que tanto veciñanza coma equipos de intervención acumulan xa un notable esforzo. O recrudecemento das lapas é especialmente preocupante durante a tarde, cando as temperaturas suben e o vento intensifícase. Polo de agora, os núcleos de poboación están a salvo das lapas e os servizos de emerxencia, apoiados por veciños e voluntarios, traballan na súa extinción.