As instalacións da Base de Unidade Operativa de Quiroga veñen de ser reformadas
O proceso de reforma das instalacións da Base de Unidade Operativa (BUO) de Quiroga vén de rematar cunha actuación enmarcada no Plan de mellora das infraestruturas da Consellería do Medio Rural do período 2021-2026, para a que se destinou un orzamento total de 74.770,15 euros.
As melloras consistiron esencialmente no acondicionamento de vestiarios, duchas, zonas de descanso, almacéns para material e instrumental de traballos, ademais dos recintos para gardar os vehículos. A edificación, localizada no concello de Quiroga, é o punto de encontro do persoal das brigadas forestais.
Con estas melloras, preténdese favorecer a conciliación entre descanso e traballo dos bombeiros e axentes e os gastos foron financiados na súa totalidade a través de fondos Feder React, como resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.