As inscricións para a proba BTT Quiroga Bike Marathon estarán abertas ata principios de setembro

Quiroga acollerá o 6 de setembro unha proba de BTT de longa distancia, a Quiroga Bike Marathon, organizada pola área de Deportes do Concello de Quiroga contando co patrocinio de Oroso Club Ciclista e Vitaldin Sport.
O recorrido levará aos ciclistas a percorrer unha espectacular paisaxe pasando por puntos como As Eiras, as Terras Negras, Reboledo, o Rego das Forcadiñas ou o Alto do Boi.
A proba para a que están abertas as inscricións consta de dúas distancias, unha Bike Marathon de 45 km e un desnivel postivo de 1.400 metros, e unha Bike Extreme, de 67 quilómetros e un desnivel positivo de 2.400 metros.
Na proba, que non será federada, pódese participar de forma individual ou en parella. Na modalidade de parella hai varias categorías: Masculina, cando a suma das idades dos compoñentes do equipo sexa inferior ou igual aos 80 anos; Veteranos, cando esa suma supere os 80 anos; Feminina ou Mixta.
As inscricións estarán abertas na web do evento ata o 2 de setembro.