As 'III Xornadas sobre o Paleolítico no Noroeste' pódense visitar xa na Estación Científica do Courel
As III Xornadas sobre o Paleolítico no Noroeste, un programa dirixido polo investigador do grupo de estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Arturo de Lombera, incluído na universidade de verán 2022, aborda ata o domingo 31 de xullo os modos de vida, as manifestacións artísticas e a simboloxía dos derradeiros neandertais.
As xornadas, estruturadas en 30 horas de formación repartidas ao longo de catro días, dan continuidade á temática ligada coas investigacións arqueolóxicas en Cova Eirós xa tratada nos cursos desenvolvidos en Triacastela entre 2010 e 2017, ao tempo que pretenden afondar no estudo das últimas comunidades de neandertais que poboaron Europa occidental.
Os distintos relatorios organizados no marco desta actividade formativa e de divulgación xirarán de cuestións relevantes do Paleolítico medio na Península Ibérica (paleoambente, paleoantropoloxía, arqueoloxía, etc.), estratexias de subsistencia, xestión de recursos..., primeiras manifestacións artísticas e simbólicas no rexistro humano, tales como rituais funerarios, así como o tránsito dos derradeiros neandertais entre o Paleolítico medio o superior nos distintos territorios peninsulares ata a súa desaparición e a expansión das primeiras comunidades de Homo Sapiens.
Os relatorios incluídos no programa deste curso da universidade de verán da USC correrán a cargo de especialistas da Península Ibérica que lideran proxectos de investigación relacionados co estudo do modo de vida dos Neandertais, relatores que ofrecerán unha visión multidisciplinar e divulgativa respecto deste período da Prehistoria.
O curso, organizado pola USC xunto co Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social (Iphes-Cerca), conta tamén como entidades colaboradoras coa consellería de cultura da Xunta de Galicia, o GDR Ribeira Sacra-Courel, o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e o ministerio de Ciencia e Innovación. O programa deste seminario estival da USC, cuxo programa está accesible en liña, comeza este xoves, a partir das 9.30 horas, cunha charla de presentación a cargo de Ramón Vila.