As Festas Patronais de Taboada abrirán coa Festa da Mocidade este venres
A Festa da Mocidade volve a Taboada este venres, 11 de agosto, abrindo o programa das festas patronais cunha ampla axenda de actuacións e actividades do 11 ao 15 de agosto e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A deputada de Cultura Iria Castro, o concelleiro de Cultura, Deporte e Medio Rural, Manuel Diéguez, e a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade presentaron o cartel da xornada, con concertos do grupo chantadino de rap Tiam GZ, dos composteláns Tecor Societario e de DJ Misa (Claudia Quintela) no Campo da Feira, que abrirá as 21.30 con postos de bebida e comida. Durante a tarde, haberá unha ruta polos bares da vila.
Iria Castro valorou que “as festas patronais acollan programacións coma esta, na que se amosa a música que se está facendo en galego, en diferentes estilos” e desexou boas festas á veciñanza de Taboada.
O concelleiro de Cultura, Deporte e Medio Rural, Manuel Diéguez, explicou que “este ano, asumimos o reto de organizar as festas patronais por primeira vez de forma directa. En pouco tempo posto que o actual goberno botou a andar hai menos de dous meses, polo que queremos agradecer a colaboración da veciñanza e dos negocios de Taboada, así como o traballo do persoal do concello e a colaboración das institucións para sacalas adiante”. Ademais, din que "fixemos un programa pensando en toda a veciñanza.
Programa
A Festa da Mocidade contará con música para todos os públicos e gustos, pero tamén actividades, como a do venres, durante a tarde, na que haberá actividades para público infantil na Alameda: un espectáculo de Novo Circo e clown con Letriska Inmobile e atraccións gratis para rapazas e rapaces menores de 16 anos.
No caso do sábado 12 de agosto, actuará a Banda EGS de Lugo ás 13.30 horas e haberá verbena coa orquestra Ritmo Joven, mentres que o domingo 13 de agosto actuará Xograres de Lemos ás 13.30 hora e haberá verbena coa orquestra Tatto Luns.
Pola súa banda, o 14 de agosto terá lugar a Festa do Óso na Medela, coa actuación da charanga De Bande, ademais dunha festa da escuma e xogos na auga Milagriños Fest. Tamén haberán actuacións de Color Carne, Mügre, Nacarúh e Sebusca na Alameda. Por último, o martes, 15 de agosto, será o Festival Internacional con actuacións de Pom´Kanel de Martinica e Rechouchíos a partir das 20.00 horas.