As Festas Patronais de Monforte rematan despois de seis días de moita festa

RibeiraSacraXa
As Festas Patronais de Monforte remataron esta pasada noite despois de seis días de eventos musicais, culturais, gastronómicos e sociais para todos os veciños e veciñas de Monforte, pero tamén para as persoas que se achegaron doutras partes da xeografía, ateigando as rúas en favor do municipio.
fogos de artificio
17 Aug 2023

As Festas Patronais de Monforte remataron esta pasada noite despois de seis días de eventos musicais, culturais, gastronómicos e sociais para todos os veciños e veciñas de Monforte, pero tamén para as persoas que se achegaron doutras partes da xeografía, ateigando as rúas en favor do municipio.

Durante estes días, as persoas que participaron das festas puideron desfrutar do concerto da Orquestra de música do Conservatorio Mestre Ibáñez do Concello de Monforte de Lemos, do Grupo América de Vigo, da Orquestra Panorama e das Tanxugueiras; pero tamén do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte, acompañado por unha comitiva de Cabezudos, que fixeron as delicias de pequenos e maiores, bailando ó son da música tradicional.

Ademais, houbo diversos espectáculos para público infantil, como o da compañía Barafunda, que representou o seu espectáculo “Lolo Globotolo”, de globoflexia e clown, facendo figuras imposibles con globos deron lugar aos gags máis divertidos. A posta en escea deste espectáculo, que forma parte do IX Festival cómico festivo “A Rúa é vosa”,  lévase a cabo dende unha perspectiva cómica e interactiva na que o público se sinte parte integrante. Este espectáculo é todo un divertimento familiar, cunha posta en escena onde a ilusión do clown se mestura nun cóctel de risa e gargalladas.

Por último, tamén houbo actos institucionais e deportivos, nos que a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada entregou o trofeo de campeón do torneo das Festas Patronais de Fútbol ao capitán do Celta C, De la Iglesia; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Negrín, entregou o de subcampeón ao capitán do Lemos, Alami; e o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, entregou os diplomas acreditativos aos nenos e nenas que participaron na terceira e última quincena do Campamento Deportivo de Verán do Concello de Monforte.

0.16543698310852