As Festas Patronais de Monforte acollerán seis actuacións musicais de grupos e artistas recoñecidos

RibeiraSacraXa
As Festas Patronais de Monforte acollerán seis actuacións musicais de grupos e artistas recoñecidos varios días de agosto
jose tome nas festas patronais de monforte
5 Maio 2023

O goberno local de Monforte vén de dar a coñecer o programa de Concertos Musicais das Festas Patronais 2023, que se van celebrar do 11 ao 16 de agosto e que inclúen 6 concertos principais.

Todos os grupos virán acompañados de orquestras que farán un previo e un posterior peche das actuacións, tratando de que o horario musical con carácter xeral, se ciña de 11 da noite, considerado como o inicio, ao remate sobre as 4 da madrugada.

O goberno local considera que é unha programación moi axeitada con concertos de primeiro nivel para seguir mantendo as Festas Patronais de Monforte como un referente no interior de Galicia esperando que sexan moitos os galegos e galegas que visiten Monforte atraídos pola calidade dos concertos.

O custo do conxunto das actuacións musicais, tanto de concertos como de orquestras ascende a 317.625 euros, e tal e como explicou o alcalde, o importe coincide co custo que o equipo de goberno tiña previsto no orzamento para as Festas Patronais, explicando tamén que o que se vai a financiar coa partida aprobada no último Pleno ordinario do 24 de abril que afecta aos remanentes, son actividades e eventos do Gran Cultural, non estritamente das Festas Patronais.

Programa completo

  • 11 de agosto, despois do pregón: Lucía Pérez acutará ás 00.00 horas no escenario principal da Compañía, rematando a súa actuación sobre a 1.30 da madrugada. Despois, será o turno de Malenne, que dará continuación á actuación musical dende as 2 ás 3.30 da madrugada, tamén no palco colocado ao efecto, na Praza da Compañía.
  • 12 de agosto: Deloreans actuará de 23.00 horas a 00.00 horas. Despois, será o turno de Mikel Erentxun, que actuará entre as 00.00 e a 1.30 horas da madrugada. A velada musical continuará coa actuación de Gin Toni’s,que empezará á 1.30 e rematará ás 3.30 da madrugada.
  • 13 de agosto: O Grupo América de Vigo actuará de 22.30 a 00.00 horas, xa que ás 12 da noite será o turno da Orquestra Panorama, que iniciará a súa actuación ás 12 da noite ata a 1.45 para volver nun segundo pase ás 3:15 ata as 4:30 da madrugada.
  • 14 de agosto: O concerto principal deste día correrá a cargo do artista Antonio José a partir das 12 da noite e rematará á 1.30 da madrugada.  Pola súa banda, a Orquestra Galilea complementará o concerto principal, actuando entre as 23.00 e as 00.00 horas no primeiro pase e de 01.30 a 3.30 horas no seu segundo pase.
  • 15 de agosto: O día grande das Festas Patronais actuarán como concerto principal As Tanxugueiras ás 00.30 horas despois dos fogos artificiais no Castelo de S. Vicente e ata as 02.00 horas. Pola súa parte, o Grupo Tekila acompañará a actuación das Tanxugueiras con dous pases, un de 23.00 a 00.00 horas e outro de 02.00 a 04.00 horas.
  • 16 de agosto: O derradeiro día das festas actuará Luz Casal, empezando ás 00.30 da noite e finalizando ás 02.00 da madrugada. Para complementar o concerto de Luz Casal, actuará a Orquestra Ritmo Joven que o fará en 2 pases dende as 11 ata as 12 da noite e dende as 2 ás 4 da madrugada.
0.1880419254303