As Festas Patronais de Chantada regresan en agosto cheas de música e actividades

RibeiraSacraXa
Serán do 21 ao 26 de agosto e incluirán concertos, pasarrúas, o tradicional Folión de Carros e un novo festival
festas-patronais-chantada
1 Aug 2025

O Concello de Chantada presentou o programa musical das Festas Patronais en honor á Virxe do Carme, que se celebrarán do 21 ao 26 de agosto. Entre as actividades principais destacan o Folión de Carros, que terá lugar o sábado 23, o XXXIV Certame de Bandas de Música na Praza do Cantón, e a tradicional Festa da Empanada, que pecha as celebracións.

A primeira xornada, o xoves 21, contará con concertos na Praza de Catro Camiños, onde a partir das 23:30 horas actuarán Malene e Son de Rosas, un tributo a La Oreja de Van Gogh. O venres 22, o protagonismo será para o Festival de DJ’s, que estrena nome: “Ata o Chan Festival”. Este evento celebrarase na Praza do Pavillón, que este ano contará cun perímetro pechado para garantir a seguridade, prohibindo a entrada con botellas ou vasos de cristal.

O sábado 23 terá lugar o Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural (BIC). A xornada comezará cun pasarrúas da Agrupación da Casa da Música con cabezudos, seguido ás 23:00 horas pola actuación da Banda de Gaitas do Concello de Chantada e, tras o desfile, a orquestra Tango actuará na Praza de Santa Ana.

O domingo 24, a partir das 11:30 horas, o grupo de gaiteiros Os Barrios desfilará con cabezudos, e ás 13:30 horas a Banda de Música da comarca de Sarria actuará no Parque Eloísa Rivadulla. Ás 18:30 horas comezará o XXXIV Certame de Bandas de Música na Praza do Cantón coa participación das bandas de Chantada, Lantaño e a comarca de Sarria. Pola noite, desde as 22:00 horas, actuarán a orquestra Olympus en Juan XXIII e a orquestra Cinema na Praza de Santa Ana.

O luns 25, Os Barrios e os cabezudos volverán desfilar pola vila. Pola noite, a partir das 22:00 horas, actuarán o Grupo Top Líder en Juan XXIII e a orquestra Gran Parada na Praza de Santa Ana. Pola tarde haberá unha festa infantil con inchables e xogos tradicionais no Campo da Feira Vello, e á medianoite celebrarase unha sesión de fogos artificiais na Praza do Pavillón Municipal.

O último día, martes 26, celebrarase a tradicional Festa da Empanada no campo de San Lucas, con música dos gaiteiros Os Barrios e as charangas Unión Phenosa, NBA e Louband. Os concertos correrán a cargo da orquestra París de Noia en Juan XXIII e a orquestra Capitol na Praza de Santa Ana.

Desde o Concello convidan a veciñas, veciños e visitantes a desfrutar desta programación musical diversa e adaptada a diferentes gustos e idades. Segundo o alcalde Manuel Lorenzo Varela, “a programación das nosas festas segue buscando atraer diferentes perfís e ofrecer aos nosos veciños unha oferta musical variada en varios escenarios, intentando dinamizar a restauración e a hostalería local. Se a climatoloxía acompaña, serán unhas boas festas para todas e todos”.

O cartel das Festas Patronais é obra do artista local Jon González (JonGo Art), encargado tamén dos deseños das últimas edicións.

⚙ Configurar cookies
0.15667700767517