As Festas de Chantada celebran este sábado o seu día grande co tradicional Folión de Carros

RibeiraSacraXa
O desfile estará encabezado pola Banda de Gaitas do Concello de Chantada e a Agrupación Tradicional da Casa da Música
Folión de Carros Chantada
23 Aug 2025

Chantada vive este sábado o día grande das súas festas coa celebración do tradicional Folión de Carros, declarado Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural (BIC). O desfile dará comezo ás 23:00 horas, encabezado pola Banda de Gaitas do Concello de Chantada e a Agrupación Tradicional da Casa da Música.

Nesta edición participarán 14 carros. Ao rematar o percorrido, o doutor en Medicina pola USC Roberto Fernández Álvarez, fillo de Don Xilberto de San Pedro, será o encargado de ler o pregón, centrado na tradición dos carros. A xornada festiva pecharase cunha verbena a cargo da orquestra Tango, que actuará na Praza de Santa Ana a partir da 1:00 da madrugada.

As actividades comezarán xa pola mañá, ás 11:00 horas, cun pasacalles da Agrupación da Casa da Música acompañado de cabezudos polas rúas do centro.

Pola tarde, ás 19:00 horas, terá lugar o IX Foliada Carroceira, que arrancará no Cantón coa presentación das bandas e continuará pola vila ata a noite. Nesta edición participan a Agrupación Tradicional da Casa da Música de Chantada, a Banda de Gaitas do Concello de Chantada e as agrupacións Os Barrios, Dakidoasma, Searas, O Trespés, Os Xílgaros de Lugo e a Asociación Sociocultural Falcatrueiros.

⚙ Configurar cookies
0.12680602073669