As Escolas Municipais de Música e de Danza de Monforte abren o luns o prazo de inscrición
O concello de Monforte anuncia que a partir do vindeiro luns 19 de setembro abrirá o prazo de inscrición tanto na Escola Municipal de Música como na Escola Municipal de Danza de dito concello para o curso 2022/23.
Para realizar a inscrición na Escola de Música os interesados deberán dirixirse á secretaría do Edificio Multiusos en horario de mañá entre as 10.00 e as 13.00 horas ou en horario de tarde entre as 16.00 e as 18.00 horas. Tamén é posible a inscrición a través da sede electrónica do concello, no seguinte enlace:
As especialidades musicais ofertadas son as seguintes:
- Os nenos de entre 4 e 5 anos poderán apuntarse en Música e Movemento.
- A partir dos 6 anos as clases dispoñibles son: percusión (batería e percusión), percusión galega (pandeireta, tamboril, bombo e pandeiro), teclado, acordeón, violín, guitarra española, guitarra eléctrica, gaita, clarinete, frauta traveseira, trompa, trompeta, trombón de varas e tuba.
En música, completarase a ensinanza instrumental con clases de linguaxe musical, así como participación en grupos colectivos que se organicen na Escola.
Con respecto á Escola Municipal de Danza, para realizar a inscrición os interesados deberán dirixirse á secretaría do Edificio Multiusos no mesmo horario, polas mañás entre as 10.00 e as 13.00 horas ou polas tardes entre as 16.00 e as 18.00 horas. Tamén é posible a inscrición a través da sede electrónica do concello, no seguinte enlace:
As especialidades ofertadas neste caso serán: danza tradicional galega (para nenos a partir de 5 anos), danza contemporánea ou moderna (para nenos a partir de 9 anos) e ballet clásico (a partir de 5 anos).
As clases de danza ofertadas contarán cunha didáctica máis académica centrada nas técnicas do desenvolvemento da estabilidade, a rotación, a liña ou a expresión, atendendo aos principios básicos imprescindibles para unha correcta aprendizaxe.
Do mesmo xeito, levarase a cabo unha orientación cara un ensino de carácter profesional cando as aptitudes e a vocación do alumno/a así o aconsellen. Formaranse así grupos colectivos por niveis e idade nas tres modalidades de danza.
Dende o concello de Monforte inténtase desta forma consolidar con tódalas especialidades, unha oferta ampla e variada para a escola, tanto en música como en danza.