As Escolas Deportivas Municipais de Voleibol de Chantada xogan os seus primeiros partidos oficiais na casa

O voleibol continúa medrando en Chantada tras a incorporación desta disciplina ás Escolas Deportivas Municipais o pasado curso. Agora, o Concello consolida este deporte con tres equipos en categoría escolar, un benxamín mixto e dous alevíns femininos, todos eles inscritos nas ligas XOGADE, ademais do conxunto cadete feminino, que compite baixo a Federación Galega de Voleibol.
Case medio cento de rapaces e rapazas participan na actualidade nos equipos municipais, baixo a dirección técnica do Club Ribeira Sacra de Monforte, encargado da súa formación deportiva.
A principal novidade da tempada é que, unha vez finalizado o pintado da pista específica no Polideportivo Municipal, os equipos poderán disputar por primeira vez partidos oficiais na casa. Un avance que permitirá achegar este deporte á afección local e reforzar a oferta deportiva do municipio.
A estrea chegará este domingo, 16 de novembro, con dous encontros da primeira fase do grupo E da cuarta división cadete feminina. O EDM Chantada enfrontarase ao Club Voleibol Ourense XF ás 17:00 e ás 19:00 horas. Un debut que non será sinxelo para as chantadinas, que se medirán a un conxunto fundado en 1989 e que destaca pola súa forte base de canteira, con máis de 250 deportistas novos.