As escolas deportivas de fútbol sala e voleibol inician a tempada en Quiroga
Este luns 2 de outubro as Escolas Deportivas Municipais de Quiroga comezan unha nova tempada. As iniciativas, dirixidas a nenos e nenas de 6 ata 13 anos, contarán novamente coas modalidades de fútbol sala e voleibol. Cada curso as actividades moven un cento de rapaces e rapazas dende as máis de dúas décadas que levan funcionando, xa que foron as primeiras da Ribeira Sacra en poñerse en marcha.
No caso da modalidade de fútbol sala, a escola conta con tres grupos en función das idades dos participantes. Os entrenamentos dos prebenxamíns, para os nenos nados entre 2016-2017, terán lugar os luns e mércores ás 16.30; os benxamíns, dirixidos aos nenos nados entre o 2014 e o 2015, cítanse os luns e mércores ás 17.30; mentres que os alevíns infantís, para os nados entre 2010 e 2013, xogarán martes e xoves ás 17.30 horas. Pola súa parte, no caso da escola de voleibol, os prebenxamíns, os benxamíns e os alevíns, grupos dirixidos para os nados entre o 2012 e 2017, entrenan martes e xoves ás 16.30.
Os interesados en participar deben realizar as inscricións na Casa de Cultura cubrindo un impreso e aboando o importe na conta correspondente. Non obstante, a área de deportes da a opción a todos aqueles nenos e nenas que queiran probar de acudir a primeira semana sen necesidade de inscrición de maneira gratuíta.