As emprendedoras da Ribeira Sacra coñecen o programa 'Feminino Rural, Evolución'

RibeiraSacraXa
As mulleres emprendedoras da Ribeira Sacra coñecen o programa 'Feminino Rural, Evolución' que aterra en O Saviñao
feminino rural saviñao portada
15 Jul 2022

A Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) desenvolve de xeito íntegro esta iniciativa que financia a Deputación de Lugo co obxectivo de fortalecer o tecido empresarial do municipio de O Saviñao.

O programa inclúe formación e asesoramento personalizados, de xeito totalmente gratuíto, e está enfocado a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios.

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este xoves na presentación do programa gratuíto Feminino rural. Evolución, celebrado no Saviñao. García Pernas estivo acompañado pola técnica do proxecto, Úrsula Pérez, que animou ás empresarias e emprendedoras a participar 'nun programa que facilita  ferramentas para mellorar os negocios. Feminino rural. Evolución está destinado a negocios que xa están en marcha, pero tamén a aqueles que necesitan un apoio para dar os primeiros pasos e lanzar un novo proxecto coas garantía necesarias'.

 

'A creación de emprego, especialmente o xuvenil e o feminino, é unha das nosas apostas, porque é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio', recordou o Deputado.

O Ecomuseo Pazo de Arxeriz, do Saviñao, acolleu esta presentación, que xa tivo lugar nas comarcas da Mariña, Lugo, Terra Chá e A Montaña. A vindeira semana, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, e Láncara, na de Sarria, pecharán esta xira de presentacións que serviu como primeira toma de contacto coa iniciativa.

Unha vez rematados estes primeiros encontros, cada comarca contará con 25 prazas para as persoas interesadas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras. Na segunda fase participará unha selección de 35 empresarias e emprendedoras, cinco por comarca, que sairán das reunións de traballo. Recibirán unha formación e un asesoramento personalizados dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.

0.15820503234863