As deputacións socialistas manteñen a proposta do 1% para rescate hostaleiro

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
As deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra propoñen achegar o 1% dos orzamentos das administraciónsa un fondo de rescate da hostalaría
28 Jan 2021

As deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra manterán esta tarde, na reunión convocada polo Clúster de Turismo de Galicia, a súa proposta de achegar o 1% dos orzamentos das administracións galegas en 2021 a un fondo común de rescate da hostalaría e instarán á Xunta a “chegar tamén a este 1% hostaleiro”. As institución provinciais cren que a rectificación do Goberno galego, que anuncia agora un incremento da súa achega ata os 75 millóns pola presión do mundo local e do propio sector, segue sendo insuficiente porque representa só o 0,64% dos 11.663 millóns de orzamento da administración autonómica.

Este incremento que agora anuncia a Xunta avala a postura que boa parte das administracións locais galegas veñen defendendo desde o inicio das negociacións: que a achega autonómica era claramente insuficiente para atender a un sector que atravesa unha situación crítica, tendo en conta que é a administración que ten as competencias e conta cos recursos económicos, e, máis aínda, despois do peche total do sector que vén de decretar en toda a comunidade autónoma o Executivo galego.

As institucións provinciais de Lugo, A Coruña e Pontevedra manterán o seu compromiso do 1% cun dos sectores máis afectados pola pandemia e esperan que a Xunta chegue tamén a esta porcentaxe na reunión convocada esta tarde polo Clúster de Turismo de Galicia, á que os representantes das deputacións acudirán “cos deberes feitos e con vontade construtiva, co obxectivo de chegar a un acordo de maneira inmediata que responda ás urxencias do sector”.

Á fórmula do 1% hostaleiro reúne cada vez un maior consenso institucional e tamén do sector. Así, á proposta véñense sumando publicamente nos últimos días as principais cidades e vilas galegas como A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo ou Lugo, dispostas a achegar tamén o 1% dos seus orzamentos para este plan de rescate coordinado en colaboración coa Xunta de Galicia e as deputacións, que elevaría notablemente o orzamento do fondo ata os 140 millóns de euros cun modelo “xusto e proporcional”, no que cada administración contribuiría en función do seu orzamento e que eliminaría burocaria e simplificaría a tramitación das axudas ao tramitarse a través dunha única solicitude.

0.16509795188904