As datacións de terrazas de cultivo de vide en Salcedo abren o debate sobre os límites da D.O. Ribeira Sacra
Presentáronse as datacións de terrazas de cultivo de vide na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón. As mostraxes foron tomadas no verán do ano pasado polo equipo da cooperativa Árbore Arqueoloxía e Xestión na ladeira do Río Lor na parroquia de Salcedo, concello da Pobra do Brollón. Tras recibir os resultados das datacións na primavera do presente 2023, estes foron presentados no marco da ‘Semana Cultural’ de Salcedo a finais de agosto.
As mostraxes foron extraídas de dúas das numerosas terrazas de cultivo existentes na ladeira do Lor, na que a veciñanza aínda recorda a existencia de viticultura ata hai uns corenta ou cincuenta anos.
As mostras primeiro foron procesadas pola edafóloga Rebeca Tallón da USC. Tras datar as mostraxes por Carbono 14 no laboratorio en Miami Beta Analytic, os resultados dan época medieval, aínda que con moita diferenza entre ambas mostraxes, xa que unha adscríbese ao século VII e outra ao século XIII.
As mostraxes están na mesma ladeira aínda que con bastante diferenza en altura, unha máis próxima ao río e outra máis cerca da bocarribeira. ‘Tamén as dúas terrazas amosaban diferenzas tipolóxicas, tendo a máis baixa un sistema construtivo peor conservado e a situada a máis altura, un aparello máis traballado,’ comenta Benito Vilas, arqueólogo director do proxecto Penas do Castelo. ‘Resultou que a máis antiga correspóndese coa máis baixa e máis moderna coa máis alta, o cal resulta coherente,’ engade.
Os traballos foron realizados no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, financiado polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Secretaría de Estado de Turismo e Axencia Turismo de Galicia.
Relación das datacións co entorno, documentación e toponimia
A través do proxecto Penas do Castelo, revisouse documentación medieval na que aparece mencionado Salcedo e levouse a cabo un estudo toponímico da man dos veciños para localizar lugares mencionados na documentación.
O documento máis antigo no que se menciona Salcedo, conservado no tombo de Celanova, é do ano 886 e mediante o cal cédense ao monarca tres vilas: Domiz, Salcedo e Vilachá.
Un dos puntos de interese dese documento é que se mencionan as vilas ‘[...]con casas e viñas, pomares, terras cultivadas e incultas[...]’, o cal supón a confirmación documental da existencia de viñas en Salcedo no ano 886.
Dúas das tres vilas mencionadas no documento resultan facilmente identificables na actualidade: Salcedo e Domiz, aínda habitadas a día de hoxe. Porén, Vilachá resulta máis complicado de identificar. Podería ser Vilachá de Salvadur, mais parece estraño xa que no documento fálase claramente que as tres vilas están ‘xunto ao río Lor’ cando Vilachá de Salvadur está xunto ao río Sil.
No traballo toponímico coa veciñanza, varios veciños sinalaron a existencia dun lugar chamado Vilachá na parroquia de Salcedo. ‘Semella coherente identificar ese Vilachá citado no documento con este Vilachá xunto o Lor conservado na toponimia. Unha vila que non chegou ata nós como si fixeron as de Salcedo e Domiz,’ comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto Penas do Castelo.
Outro dos documentos revisados é un conservado no tombo de Montederramo do ano 1163, no cal o Papa cede ao mosteiro de Montederramo varias granxas, entre elas, unha granxa situada en Salcedo.
Isto proba a existencia dunha granxa cisterciense en Salcedo no século XII. As granxas no mundo císter eran unidades de produción e de recadación de impostos. Por tanto, resulta significativa a existencia desa granxa, xa que está a indicar que Salcedo era un centro produtivo directamente relacionado cos centros de poder.
Máis unha vez, grazas ao traballo toponímico coa veciñanza, localízase un topónimo ‘granxa’, curiosamente, ao lado do topónimo Vilachá. Ademais, os lugares Vilachá e Granxa están moi cerca da zona de terrazas de cultivo vitícolas acabadas de datar.
‘Comezamos a albiscar un relato coherente, no que documentación, Carbono 14 e relatos veciñais explican a historia dunha paisaxe cultural,’ explica Gago. ‘Agardamos poder facer unha mostraxe máis ampla da ladeira o ano que vén para reforzar a información e entender mellor o proceso,’ engade.
Apertura de dous debates
Estas novas informacións poñen sobre a mesa dous interesantes debates. O primeiro ten que ver coa viticultura e coa idea de que unha zona como as ribeiras do Lor de Salcedo puidera formar parte da D.O. Ribeira Sacra.
Coñécese que existiu viticultura ata hai poucos anos na zona, e ademais agora coas novas datacións, pódese afirmar que esa viticultura vén dende época medieval e vinculada seguramente a un dos grandes centros de poder do que hoxe chamamos Ribeira Sacra: o Mosteiro de Montederramo.
Quedaría por comprobar se un viño elaborado nestas terrazas pasaría os criterios actuais do Consello Regulador. O límite da actual D.O. inclúe a parroquia de Barxa de Lor, polo que está a menos dun quilómetro de distancia dos socalcos estudados.
O segundo debate é patrimonial e ten que ver co papel que pode xogar este estudo e a parroquia de Salcedo na candidatura a Patrimonio da Humanidade. Actualmente está establecida unha ‘zona de amortecemento’, área de máxima protección da candidatura que non inclúe estas ribeiras do Lor salcedao, acabando precisamente no límite das ribeiras de Vilachá de Salvadur, a aproximadamente dous quilómetros e medio.
O debate é se con estas novas informacións, Salcedo pode entrar nesa zona de amortecemento, incrementando o valor patrimonial da candidatura e acadando maior grao de protección para o seu patrimonio. Finalmente, habería que valorar se á veciñanza de Salcedo lle interesarían estes procesos, e ver como a administración desenvolve ferramentas para establecer diálogos.