As Conversas de Verán regresan a Ribas de Sil

O Concello de Ribas de Sil retoma este verán unha das súas propostas culturais máis existosas: as Conversas de Verán á beira do Sil. Ao longo de cinco encontros, que terán lugar ás 21:00 horas no exterior da Aula de Pesca da Praia Fluvial, o profesor local Manuel Cao conducirá un percorrido pola historia de San Clodio a través de temas cargados de memoria e identidade.
A primeira conversa será este mércores, 23 de xullo, centrada na chegada do tren a San Clodio, un fito que marcou un antes e un despois no desenvolvemento da zona. O segundo encontro terá lugar o 31 de xullo, no que Cao afondará nas vellas historias vinculadas á praia fluvial, espazo central da vida social e lúdica da vila.
Xa en agosto, o día 22, será a quenda para descubrir a historia da familia Batanero en San Clodio, mentres que en setembro están programadas dúas novas sesións. O 4 de setembro, Manuel Cao falará sobre “O accidente do salto”, e o día 20 pecharase o ciclo coa presentación da programación cultural de outono.
As Conversas de Verán son unha oportunidade para mergullarse na historia local, nun ambiente relaxado e participativo, xunto ao río Sil, reforzando a conexión coa contorna e coa memoria colectiva de Ribas de Sil.