As bibliotecas de Guitiriz e Sober gañan o premio María Moliner de animación á lectura
A Delegación do Goberno informa de que o Ministerio de Cultura vén de premiar 16 proxectos de animación á lectura presentados por bibliotecas públicas municipais de Galicia nos Premios María Moliner deste ano. Estes galardóns son concedidos polo Ministerio en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e están dirixidos a propostas presentadas por bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes.
O importe total co que foron galardoadas as bibliotecas de Galicia ascende a 41.580 euros a razón de 2.772 euros por biblioteca e proxecto.
O concurso ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas de municipios que leven a cabo un proxecto que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías.
O programa presenta unha gran importancia estratéxica no acceso ao libro e a lectura, xa que aproximadamente a metade da poboación española reside en municipios de menos de 50.000 habitantes.
O obxectivo da campaña é, seguindo o ideal da propia María Moliner, que calquera lector en calquera lugar poida conseguir o libro que lle interese. Premiáronse en Lugo dous proxectos, o da biblioteca de Guitiriz e o de Sober. Na provincia da Coruña foron 5 proxectos premiados, 4 na de Ourense e 4 na de Pontevedra.