As axudas ás ANPAS da provincia de Ourense alcanzan os preto de 26.600 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de máis de 986.000 euros destinados a apoiar a municipios e distintas asociacións da provincia. Durante a sesión tamén se deu luz verde á resolución da segunda convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións de nais e pais de alumnos (ANPA).
Estas achegas están orientadas a respaldar actividades que se leven a cabo durante o curso 2024/2025 en centros de educación infantil, primaria e ensino obrigatorio. Nesta segunda edición concedéronse 33 achegas por un importe total de arredor de 26.600 euros, que se destinarán a ini-ciativas como festas de fin de curso, campamentos de verán, obradoiros, actividades deportivas, xornadas de convivencia e propostas culturais. “Non é tanto a contía destas axudas”, explicou o presidente provincial, Luis Menor, en rolda de prensa, “senón o feito de que permiten atender ás súas necesidades reais”.
No apartado de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou once subvencións por un valor superior a 392.000 euros. Entre elas, Beariz recibirá 40.000 euros para acondicionar camiños en Magos e Lebozán; Cenlle contará con algo máis de 36.000 euros para mellorar o parque de Te-nencia; Porqueira disporá de case 18.500 euros para obras de infraestrutura; e Carballeda de Avia investirá 45.000 euros en gastos de funcionamento da casa comunitaria.
Outras axudas destacadas inclúen 20.000 euros para a Romaría da Saínza en Rairiz de Veiga; 30.000 euros para a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; 80.000 euros para financiar o subministro eléctrico en Riós, ademais de 12.600 euros para mellorar a pista de Progo a San Pedro de Pousada. Xinzo de Limia recibirá 50.000 euros para o Conservatorio de Música, Bande contará con algo máis de 12.000 euros para cubrir o complexo de pádel, e Chandrexa de Queixa destinará 48.000 euros á capela de Chao.
En canto á colaboración con entidades, aprobáronse nove axudas que suman 567.000 euros. A partida máis elevada destínase á Universidade de Vigo, que percibirá 325.000 euros para activida-des culturais, formación en turismo e programas de emprego e vida autónoma.
O Liceo de Ourense, pola súa parte, contará con 100.000 euros para o mantemento da súa histórica sede do Pazo Oca-Valladares, mentres que a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) recibirá 50.000 euros para cubrir gastos de funcionamento.
No ámbito deportivo, o Club Deportivo Arenteiro percibirá 70.000 euros para financiar a tempada que vén de rematar e o Club Bádminton Athlos disporá de 15.000 euros coa mesma finalidade. Ademais, inclúense 5.000 euros para a Asociación A Castaña e 2.000 euros para a Asociación Memoria Antiga para a organización da Feira de Antigüidades.