As asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas de Monforte xa poden pedir subvencións

RibeiraSacraXa
As asociacións xa poden proceder a solicitalas ata o luns 1 de xullo e o prazo para xustificalas será ata o 2 de decembro de 2024
Goberno-Monforte
11 Xuño 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que tras aprobar o Equipo de Goberno o pasado 3 de xuño, en Xunta de Goberno, as bases das subvencións municipais destinadas a asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas, sen ánimo de lucro e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, para actividades realizadas no exercicio 2024, e tras saír estas publicadas o pasado sábado 8 de xuño no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, ditas asociacións xa poden proceder a solicitalas ata o luns 1 de xullo. Concedidas as diferentes subvencións, o prazo para xustificalas será ata o 2 de decembro de 2024.

A contía destinada a estas subvencións ascende a 12.000 euros, e o importe de cada subvención non poderá superar os 1.000 euros, nin o 70 % do investimento subvencionable por cada anualidade.

O alcalde, José Tomé Roca, destaca que “o que pretendemos, con esta liña de axudas, é seguir apoiando a labor das nosas asociacións, e por iso, decidimos manter o mesmo importe que destinamos no ano 2023 para este tipo de axudas, 12.000 euros, a fin de apoiar actividades que son imprescindibles para o desenvolvemento cultural da nosa cidade, como son charlas, coloquios, conferencias, publicacións, concertos, eventos, etc.”.

A finalidade das axudas será contribuír ao financiamento de programas, proxectos ou actividades culturais levadas a cabo por Entidades e Asociacións sen ánimo de lucro no Concello de Monforte de Lemos no exercicio 2024.

Non serán subvencionables os gastos de reforma e acondicionamento de locais, vestiario, actividades con ánimo de lucro ou calquera outro gasto non relacionado co proxecto presentado. Así mesmo quedan excluídas desta convocatoria as axudas a festas patronais, comidas e eventos relixiosos.

O rexedor salienta que “con estas axudas dende o Equipo de Goberno do Concello apoiamos ás iniciativas, actuacións e programas que contribúen á dinamización da vida cultural de Monforte, actividades que complementan os programas dos servizos culturais municipais e que se dirixen á comunidade en xeral. E facémolo especialmente nun momento no que as administracións debemos apoiar á cultura, porque é parte esencial da nosa sociedade.”

1.4811809062958