As actividades das Festas de San Clodio de Ribas de Sil están sendo un éxito
O concerto punk infantil de Brais das Hortas e Peter Punk, no marco das actividades desenvolvidas polas festas de San Clodio, foi todo un éxito, congregando a decenas de persoas no anfiteatro da Praia Fluvial de San Clodio.
Tamén foi todo un éxito o a representación teatral do grupo local Augas do Sil da súa obra 'Nunca é tarde para o amor', que fixo rir a gargalladas e desfrutar ás 170 persoas que ateigaron o Salón de Actos do concello.
Por outra parte, tivo lugar a Subida Ciclista a Torbeo e unha festa de inchables para os máis pequenos no río, que veu seguida da actuación de Olga Abad cun contacontos no anfiteatro da Praia Fluvial.
Estes días, os últimos das festas, terá lugar a actuación dos Monifates, esta tarde de luns ás 20.00 horas e no anfiteatro da praia fluvial, mentres que o martes, 15 de agosto, será a quenda dunha xornada festiva cos pasacalles de Brabán Gaiteiros e a verbena coa orquestra Mar Azul e, por último, o mércores 16 terá lugar a actuación da banda Yucatán e da banda de folk Ribas de Sil. Para rematar as festas, ás 00.30 horas xa do día 17 lanzaranse fogos de artificio desde o río.