Artesanía de Galicia no Courel celébrase do 7 ao 11 de agosto

RibeiraSacraXa
Trátase dun evento enfocado en amosar e divulgar os oficios artesanais da marca Artesanía de Galicia
Artesania-de-Galicia-no-Courel
5 Ago 2024

A Xunta volverá levar os oficios artesanais ao Courel por cuarto verán consecutivo a través da iniciativa Artesanía de Galicia no Courel, que se celebra do mércores 7 ao domingo 11 de agosto en diferentes localizacións de Folgoso do Courel.

Trátase dun evento enfocado en amosar e divulgar os oficios artesanais da marca Artesanía de Galicia, a través de cursos de iniciación con inscrición previa e de obradoiros abertos para os visitantes.

Artesanía de Galicia no Courel está organizado pola Fundación Artesanía de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra.

Os visitantes poderán participar nos nove obradoiros programados, que se desenvolverán en dúas localizacións diferentes; como no Centro Sociocultural Fondo de Vila, que se celebrarán de 10.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 18.00 horas as actividades de olería, tecido tradicional e estampaxe.

Durante os cinco días do evento, celebrarase un obradoiro para amosar a técnica de felpado ou gorullo, impartido por Lourdes Otero, de Fusaiola; e o ceramista Carlos San Claudio será o encargado de impartir o obradoiro de Iniciación ao torno cerámico. Sandra Betanzos, de Amor ó Teu, impartirá un obradoiro de estampaxe diferente cada un dos días.

O mércores 7 terá lugar o de postais con selos; o xoves 8, o de xeométricos en avionetas de goma eva; o venres 9, o de patrón de repetición con goma eva en rodete; o sábado 10 amosará o de papel e téxtil e manualidade de medusa; e por último, o domingo 11 será a quenda da estampaxe de cadernos con selos.

Na Fundación Uxío Novoneyra terán lugar dous obradoiros impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, de 11.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 18.00 horas: do 7 ao 9 de agosto será o de Iniciación ao traballo con coiro e os días 10 e 11 de agosto, o de decoración de louza. Todos estes obradoiros teñen carácter gratuíto e non requiren inscrición previa.

0.089366912841797