Artelemos 2025 abre as súas portas cun récord de participación

RibeiraSacraXa
A edición de 2025 contará con 35 profesionais da artesanía, cinco máis que o ano pasado, sendo esta a cifra máis alta de participación desde a súa recuperación en 2015
tome-inaugura-artelemos
Inauguración de Artelemos 2025
2 Aug 2025

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, inaugurou na tarde deste venres a 25ª edición da Mostra de Artesanía Artelemos, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e membros do equipo de goberno municipal. A apertura contou coa actuación do Grupo Municipal de Gaitas e Danza do Concello, e a comitiva institucional percorreu os diferentes stands da mostra.

A edición de 2025 contará con 35 profesionais da artesanía, cinco máis que o ano pasado, sendo esta a cifra máis alta de participación desde a súa recuperación en 2015. A mostra celebrarase na rúa Cardenal ata o 6 de agosto cun programa cheo de actividades, e forma parte do Programa Cultural de Verán do Concello, funcionando tamén como antesala das Festas Patronais.

O evento medra un día máis respecto a edicións anteriores, tras a boa acollida da ampliación probada o pasado ano. Tamén se modifica o horario de tarde, que pasa a abrir ás 17:00 horas no canto das 18:00, mantendo o horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas. As demostracións en vivo desenvolveranse de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 horas.

Artelemos, tal e como destacou o alcalde, é unha mostra “consolidada” que actúa como escaparate dos pequenos obradoiros espallados polo rural galego. “Con esta Mostra contribuímos á dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”, sinalou José Tomé.

A mostra inclúe disciplinas como ourivaría, cestería, coiro, vidro, cerámica, olería de Gundivós, madeira ou papel, entre outras, ofrecendo pezas únicas elaboradas por profesionais acreditados. Ademais, haberá obradoiros infantís e actividades paralelas que, segundo a organización, teñen sempre “un notable éxito entre o público asistente”.

Na súa intervención, o alcalde animou a veciños e visitantes a achegarse á mostra e a apoiar a produción artesanal local. “Apostar polo artesanal significa apostar polos nosos artesáns, polo produto local de calidade, polo noso medio rural, polas nosas tradicións, en definitiva, pola nosa arte e a nosa cultura”, destacou Tomé.

⚙ Configurar cookies
0.13122606277466