Arrinca un novo curso nas Escolas Deportivas de Quiroga

RibeiraSacraXa
As clases contan cunha alta participación, con especial protagonismo para o fútbol sala e o voleibol, que se consolidan como as dúas disciplinas máis demandadas
escolas-deportivas-quiroga
9 Oct 2025

Quiroga dá comezo a unha nova tempada das Escolas Deportivas Municipais, que un ano máis contan cunha ampla participación nas súas dúas modalidades con maior número de alumnos: fútbol sala e voleibol.

Os primeiros en iniciar os adestramentos foron os máis pequenos, cos grupos de fútbol sala nas categorías prebenxamín (nados en 2018 e 2019) e benxamín (2016 e 2017). Os prebenxamíns adestran os luns e mércores a partir das 16:30 horas, mentres que os benxamíns o fan ás 17:30.

O voleibol comezou o martes, con sesións dirixidas ás categorías benxamín e alevín (nados entre 2014 e 2017). Os adestramentos desenvólvense os martes e xoves desde as 16:30 horas. Ese mesmo día iniciaron tamén os grupos de fútbol sala alevín, infantil e cadete, que adestran martes e xoves ás 17:30 e 18:30 horas, respectivamente.

As Escolas Deportivas de Quiroga, con máis de dúas décadas de traxectoria, están dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos e teñen como obxectivo fomentar a práctica deportiva e a formación en valores. Ademais, os novos participantes poden inscribirse e gozar de dúas semanas de proba gratuíta antes de formalizar a matrícula.

⚙ Configurar cookies
0.070213079452515