Arredor de 140 escolares monfortinos participaron nun acto sobre reciclaxe e compostaxe doméstica

O Concello de Monforte de Lemos deu este venres un paso máis na promoción da reciclaxe e a compostaxe doméstica cun acto dirixido aos escolares de Primaria no que participou o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro. Arredor de 140 alumnos e alumnas de 1º de Primaria dos centros CEIP A Gándara, CEIP Monforte e os colexios Ferroviario, Escolapios e Torre de Lemos asistiron na Casa da Cultura á presentación do libro “Os composteiros de Monforte”.
O libro, protagonizado polos coñecidos Bolechas, ensina aos rapaces e rapazas como se xestiona a materia orgánica e para que serve o compost. Durante o acto proxectouse o conto e o propio Carreiro realizou en directo varias láminas con Tatá, Loli e o can Chispa en distintas situacións relacionadas coa reciclaxe.
O alcalde, José Tomé Roca, destacou a importancia de fomentar hábitos responsables entre a mocidade e animou aos escolares a trasladar esta mensaxe ás súas familias. “O Concello de Monforte entrega de forma gratuíta composteiros e cubos para a recollida da materia orgánica a través do colector marrón”, recordou Tomé, “e con esta iniciativa queremos implicar a toda a cidadanía na xestión responsable dos residuos”.
A edición do libro chegará a todos os centros educativos da cidade como parte dunha campaña informativa impulsada polo Concello para mellorar a xestión dos residuos orgánicos e fomentar a compostaxe. Esta iniciativa enmárcase no compromiso do Concello con cumprir os requisitos europeos en materia de reciclaxe, dado que case a metade do lixo doméstico que se xera diariamente en Monforte son residuos orgánicos.
O Concello tamén facilita a participación da veciñanza interesada no programa de compostaxe doméstica. Os cidadáns poden solicitar composteiros e cubos marróns chamando ao 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais ou mediante o formulario en liña. Os interesados deben estar empadroados en Monforte e contar cunha parcela de, polo menos, 25 metros cadrados para instalar o composteiro. Unha vez entregados, realizaranse visitas de seguimento para asegurar o correcto uso do equipamento e resolver posibles dúbidas.