Arredor de 120 pilotos participarán este domingo no Enduro de Pantón

RibeiraSacraXa
A competición está organizada pola Liga de Moto de Campo e servirá como test do percorrido de cara ao Campionato Europeo previsto para 2027
enduro-recurso-panton
25 Mar 2026

O Enduro de Pantón, unha proba integrada na Liga de Moto Café Candelas e que servirá tamén como test do percorrido de cara ao Campionato Europeo previsto para 2027, reunirá este domingo a máis dun centenar de pilotos e afeccionados a este deporte pola contorna do municipio. A xornada arrancará ás 10:30 horas desde a Praza do Concello, desde onde os participantes se desprazarán para completar os circuítos situados no alto de Guítara.

A competición está organizada pola Liga de Moto de Campo coa colaboración do propio Concello e doutras entidades. Ademais das especiais de Guítara, habilitaranse zonas na contorna do colexio Monte Baliño co obxectivo de achegar a proba ao público. Neste sentido, o alcalde, José Luis Álvarez, destacou que “trátase de probas pensadas para que a xente as teña fácil para seguir, así en colaboración coa organización mantéñense estas probas para achegar o espectáculo á propia capitalidade municipal”.

A cita conta xa con arredor de 120 pilotos inscritos, unha cifra que desde a organización valoran moi positivamente tanto pola participación como polo nivel deportivo. Segundo explicou Javier Quintas, responsable deportivo da Liga da Moto, “Pasar do cento de inscritos sempre é un éxito, de momento estamos en 120 e seguirán aumentando. Destaca tamén o nivel dos pilotos cunha ducia de pilotos da categoría Elite dos que a metade acaban de participar do Nacional estando entre os 20 mellores o que será un auténtico luxo”.

Pola súa banda, dende o Goberno local subliñan que a proba non só permitirá desfrutar deste deporte, senón tamén “da gastronomía, o patrimonio e a cultura do noso municipio”. Desde o Concello, afirman, “faise unha aposta clara pola dinamización do deporte e do noso territorio”, e animan á veciñanza e visitantes a achegarse a esta cita.

enduro-panton
0.44425988197327