Nace en Monforte unha nova iniciativa solidaria de recollida de bicicletas en desuso

RibeiraSacraXa
O obxectivo da iniciativa é dar unha segunda vida a bicicletas que xa non se usan, para doalas a persoas que as precisen como medio de transporte
bicicleta-vella
8 May 2025

Provivienda, en colaboración coa Escola de Ciclismo Ribeira Sacra, o Club Ciclista Monforte, o Club Ciclista Torre San Vicente e o taller BiciRacing, pon en marcha unha campaña solidaria de recollida de bicicletas en desuso.

O obxectivo da iniciativa é dar unha segunda vida a bicicletas que xa non se usan, para doalas a persoas que as precisen como medio de transporte para acudir ao traballo, facer recados ou simplemente desfrutar do seu tempo libre. Esta acción busca tamén fomentar a mobilidade sostible e favorecer a integración social en Monforte de Lemos.

As bicicletas recollidas serán postas a punto polo equipo do taller BiciRacing, que colaborará de forma desinteresada na revisión e reparación do material. Unha vez preparadas, Provivienda encargarase da súa distribución ás persoas destinatarias.

“Facemos un chamamento á cidadanía de Monforte e da contorna para que participe nesta iniciativa doando bicicletas que xa non empregue e que poidan ser útiles para outras persoas”, explican os promotores desta iniciativa.

As persoas interesadas poden contactar cos teléfonos 671 473 982 ou 671 941 076 para facer a súa achega ou solicitar máis información.

⚙ Configurar cookies
0.16885185241699