Arranca en Monforte a 26ª Feira do Libro cun completo programa de actividades

RibeiraSacraXa
A edición deste ano conta con seis casetas que estarán instaladas ata o sábado na rúa Cardenal
inauguracion-feira-do-libro-monforte-2025
Inauguración da Feira do Libro de Monforte 2025
21 Aug 2025

A 26ª Feira do Libro de Monforte de Lemos, que se celebra ata o sábado 23 de agosto na rúa Cardeal, abriu as súas portas na tarde deste mércores cun acto inaugural presidido polo alcalde, José Tomé Roca. A feira conta con seis casetas e preto de corenta actividades, entre presentacións de libros, sinaturas de autores e espectáculos infantís.

As casetas participantes nesta edición son A Gata Tola (Santiago de Compostela), Libraría Cartabón (Vigo), Librería Ula (A Coruña), Librería Agrasar (Monforte), Librería Entre Libros (Monforte) e o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, que amosará as súas últimas novidades editoriais, centradas principalmente en investigacións e ensaios sobre a historia e o patrimonio lucense. Os postos estarán abertos de 11:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, e todos os libros adquiridos na feira contarán cun 10% de desconto.

Entre os autores presentes destacan varios escritores da Ribeira Sacra, como a pregoeira Estefanía Padullés, Luis Colder, seudónimo de Luis Antonio Cortiñas, Andrea Micc, Carlos Padilla, Gloria Guerrero, Fina Maciolas, Yolanda Álvarez e Sonia Arias. Tamén participarán Olga Novo e o arqueólogo Xurxo Ayán en sinaturas de exemplares o sábado 23 a partir das 20:30 horas. Con este evento, subliñou o alcalde, “potenciaremos e daremos a coñecer o talento literario que temos na nosa comarca e tamén no conxunto da provincia de Lugo e de Galicia”.

No acto inaugural, o alcalde estivo acompañado polo representante da Federación de Librarías de Galicia, Jacobo Rodríguez Agrasar, o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández, así como membros do equipo de goberno.

O pregón correu a cargo de Estefanía Padullés, especialista en literatura infantil, catalana de nacemento e galega de adopción, que decidiu instalarse na provincia “en busca de contacto coa natureza, tranquilidade e calidade de vida”.

José Tomé Roca destacou a traxectoria artística da pregoeira, “unha escritora con innegable talento artístico que recrea un mundo de animais e monstruos que espertan tenrura, un mundo tamén de personaxes históricos, co que os mais cativos, poden explorar problemáticas diferentes e como solventalas, aínda que para mín iso do monstruo e a tenrura é algo difícil de encaixar”. Animou aos monfortinos e visitantes a participar na feira “neste marco incomparable como é esta rúa do Cardeal, para coñecer as novidades literarias e agradeceu a presenza tanto da pregoeira, coma dos libreiros e libreiras na Feira, así como dos escritores e escritoras, que asinarán nestes días as súas obras”.

Por súa parte, Iria Castro destacou que “as feiras lle dan á lectura unha visibilidade e unha dimensión colectiva que resulta moi propicia para crear e fidelizar lectoras e lectores. Ademais, supoñen unha oportunidade para coñecer novidades editoriais e impulsar as vendas das librarías, que son fundamentais para soster unha rede cultural forte nos nosos concellos, no noso país”.

A 26ª Feira do Libro de Monforte pecha a axenda de feiras organizada pola Federación de Librarías de Galicia na provincia, tras as celebradas en Lugo, Viveiro e Foz.

⚙ Configurar cookies
0.17317199707031