Arranca a XXVV edición da Mostra do Aceite de Quiroga co II Congreso do Aceite de Oliva

RibeiraSacraXa
O Auditorio Municipal de Quiroga reunirá esta tarde a expertos no mundo do aceite nacional para dar comezo á nova edición desta cita gastronómica
mostra_do_aceite_quiroga
Mostra do Aceite de Quiroga, 2024
29 Mar 2025

A Mostra do Aceite de Quiroga regresa este sábado coa celebración do “II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga”, que terá lugar entre as 17.00 e as 18.30 horas no Auditorio Municipal e onde participarán persoas de renome no mundo do aceite nacional.

Neste Congreso, o presidente da APAAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia), Alfonso Rodríguez Udías, exporá a “Situación do cultivo da oliveira en Galicia”. A científica do CSIC, Carmen Martínez, falará sobre as “Novas variedades de oliveira autóctona de Galicia, únicas no mundo”.

Baixo o título “O Aceite de oliva extra na alimentación saudable”, terán lugar as intervencións de Ana Belén Crujeiras Martínez, investigadora principal do IDIS (Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago) e vogal da SEEDO (Sociedade Española para o Estudo da Obesidade); e do chef galego, Kike Piñeiro, galardoado co premio á Gastronomía Saudable no 2024 pola Sociedade Española da Obesidade.

O congreso rematará cunha demostración de cociña con aceite de Quiroga, que incluirá a degustación de tapas elaboradas polo chef Gerson Iglesias do restaurante Erva Hotel Oca Villa de Allariz e os chefs Diego Domínguez e Maica Couto do local A Ostrería do Mercado de Abastos de Santiago. A música do grupo local O Recanto poñerá o broche final ao II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga.

Mañá domingo, será a quenda das degustacións e demostracións de aceite, así como o nomeamento do I Embaixador do Aceite de Quiroga ao Chef Kike Piñeiro e a actuación de música de raíz da man de Xavier Blanco da Fundación Legar.

⚙ Configurar cookies
0.50741791725159