Armando Requeixo presenta o seu novo libro ‘Literatura insólita’ en Monforte

RibeiraSacraXa
Será ás 19:30 horas no Centro do Viño
literatura-insoita-monforte
11 Feb 2026

O Centro do Viño, en Monforte de Lemos, acollerá este mércores, ás 19:30 horas, a presentación de ‘Literatura insólita’, o novo libro de Armando Requeixo publicado por Editorial Galaxia.

O acto contará coa participación do propio autor, que estará acompañado por Pilar López, profesora de Lingua Galega e Literatura, e pola filóloga Esmeralda Casabianca.

Nesta obra, Requeixo reúne unha ampla selección de artigos nos que explora o lado máis curioso, sorprendente e misterioso da creación literaria. O volume propón un percorrido por rarezas e enigmas vinculados ao mundo das letras, abordando desde costumes e manías de escritores ata profesións paralelas, casos de precocidade ou lonxevidade literaria, mortes novelescas, traizóns póstumas, títulos singulares, linguas insólitas, dedicatorias únicas ou libros prohibidos.

Ao longo das súas páxinas tamén se adentra en temas diversos como illas e reinos fabulosos, o xadrez, os cemiterios, os trens, o humor, a medicina, as invasións, os naufraxios, as matemáticas, o deporte, os templarios, os cabalos, os paraugas ou a intelixencia artificial, configurando un convite a descubrir a dimensión máis inesperada da literatura.

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, coordina publicacións e actividades da Casa Museo Álvaro Cunqueiro e foi responsable de numerosas edicións e estudos sobre autores galegos dos séculos XX e XXI. Tamén publicou monografías dedicadas a Ánxel Fole, Xosé Díaz Jácome, Xosé María Díaz Castro e Álvaro Cunqueiro, entre outros.

⚙ Configurar cookies
0.054908990859985