Arias destaca o labor dos produtores aceiteiros en Ribas de Sil

RibeiraSacraXa
Na provincia de Lugo xa son case 40 as empresas e produtores amparados co distintivo Artesanía Alimentaria
aceites figueiredo
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte
26 Jul 2024

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, destacou a importancia do distintivo Artesanía Alimentaria, o selo creado por dita Axencia para protexer a calidade dos produtos galegos e preservar as elaboracións tradicionais. Na provincia de Lugo xa son case 40 as empresas e produtores amparados por esta marca.

Arias acudiu a Ribas de Sil para coñecer o funcionamento dunha das firmas adheridas, Aceites Figueiredo, que elabora aceite de oliva virxe extra 100% galego, procedente das súas propias oliveiras das variedades autóctonas brava e mansa.

O delegado apuntou que a Xunta apoia “o bo facer dos produtores locais” impulsando selos de calidade como o de Artesanía Alimentaria, que actualmente conta con 14 normas técnicas vixentes, que inclúen produtos como os derivados lácteos, o mel ou as conservas vexetais, entre outros.

Ao longo deste ano aprobaranse outras 12 novas normas técnicas, pasando das actuais 14 a 26. Dentro deste novo lote inclúense elaboracións como os zumes, o vermú ou a hidromel. Tamén se engadirán as empanadas, fariñas e vinagres, ampliando aínda máis o actual catálogo de produtos artesanais recoñecidos.

A Consellería do Medio Rural tamén organizará xornadas técnicas e campañas de promoción coa finalidade de difundir este distintivo e animar aos produtores a que sigan sumándose a el.

0.16700887680054