Apróbase o proxecto para construír unha glorieta na estrada autonómica LU-903 ao seu paso por Sober

RibeiraSacraXa
A Xunta investirá preto de 410.000 euros nesta actuación, que facilitará os movementos de forma máis áxil e segura
Glorieta-LU-903-Sober
27 Xuño 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da aprobación do proxecto de execución dunha glorieta na estrada autonómica LU-903 en Doade, no Concello de Sober.

A Xunta investirá preto de 410.000 euros nesta actuación, que facilitará os movementos de forma máis áxil e segura na intersección entre a vía autonómica LU-903 e a estrada provincial LU-P-5903, en Doade.

A Xunta realizará a convocatoria dos actos expropiatorios no segundo semestre deste ano, para licitar e executar as obras no 2025. A actuación ten un prazo de execución aproximado de 6 meses.

En concreto, o proxecto consiste na execución dunha nova glorieta á altura do punto quilómetro 12+780 da LU-903, que terá un diámetro de 28 metros e permitirá regular a intersección actual dun modo máis funcional e seguro, contribuíndo, ademais, á redución da velocidade nesa contorna.

A actuación inclúe a continuación das beirarrúas existentes, cara á marxe dereita da estrada autonómica e cara á vía provincial. Ademais, nos treitos anexos á glorieta e nos que non se habilite beirarrúa disporanse gabias transitables de seguridade, cun ancho variable, entre 1 e 1,5 metros.

A intervención completarase con obras de drenaxe, dispoñendo en ambas as marxes da estrada canalizacións das augas da chuvia; dotando de alumeado público, coa colocación de 14 luminarias LED; e rematando coa completa sinalización da glorieta, vertical e horizontal, balizamento e instalación de barreira de seguridade.

O departamento que dirixe María Martínez Allegue segue traballando na mellora da rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis sostible.

0.19605302810669