Aprobadas as bases da sexta edición dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía

A Xunta de Goberno da Deputación provincial sacou adiante a convocatoria da sexta edición dos premios á excelencia do turismo e da gastronomía da provincia de Lugo, de novo con tres categorías: Premio Lugo Cambia ao turismo lucense; Premio Turismo Sostible; e premio ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense. Uns galardóns creados no seo do Consello Provincial de Turismo que, segundo explicou García Porto, “son unha medida máis que promovemos para apoiar, poñer en valor e visibilizar o traballo e a calidade do sector turístico e hostaleiro da nosa provincia”.
Poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica. As candidaturas poderán presentarse a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata.
O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará ata un máximo de tres premios nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, respectivamente, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. A maiores, o xurado poderá propoñer ata un máximo de tres accésits en total. Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.
Os galardóns serán entregados a finais de setembro nun acto público e como nas edicións anteriores, os premios consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo. Está previsto que as bases desta sexta edición do certame se publiquen nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia.
Concurso de fotografía de Medio Ambiente
Tamén a Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución do VII Concurso de Fotografía O patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. “Coa temática desta edición pretendíamos poñer en valor, dar a coñecer e divulgar o patrimonio etnográfico destas Reservas da Biosfera que xestiona a Deputación, é que son unha das ferramentas importantes para o desenvolvemento da provincia”, explicou a Voceira socialista.
Os premiados deste 2025, segundo os criterios da Comisión Avaliadora, son: Javier Cabana Soengas, pola súa obra Arbóreo: Raíces dos Ancares, que recibirá o primeiro premio dotado con 800€; Ana María Taboada García, coa súa fotografía Crepúsculo no río Neira, será galardoado co segundo premio que está dotado con 500€; Iago Manoel Souto Lorenzo, que inmortalizou Pota e forno de leña, tradición e patrimonio dos nosos fogares, acadará o terceiro premio que conta cun importe de 300€.
Está previsto que o fallo saia publicado nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia.