Anxo Casais cumprirá a súa terceira tempada no CB Chantada

O Ucoga Seguros CB Chantada confirma a continuidade dunha das súas grandes promesas. O escolta Anxo Casais (1,92m, 20 anos) cumprirá a súa terceira tempada no club chantadés, consolidando pouco a pouco un papel máis relevante e acorde coa súa madurez no xogo.
Casais, salientan dende o club, destaca por ser un xogador rápido e intenso, cunha achega fundamental no xogo defensivo e unha progresión constante no seu porcentaxe de tiro e capacidade ofensiva. Pese á súa xuventude, acumula xa máis de 50 partidos só na Tercera FEB (sen contar os partidos de Copa Galicia), con estatísticas sólidas: 56,7% en tiros de dous puntos, 35,1% en triplas, 4 rebotes, 1 asistencia e 1 roubo de balón por encontro.
Desde o club, celebran a renovación dunha peza cada vez máis importante para o equipo e destácase a confianza depositada polo xogador e o seu entorno, que un ano máis apostan por seguir medrando na súa carreira deportiva da man do CB Chantada.