Anunciada a licitación do servizo de custodia de animais abandonados de Monforte
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a publicación na Plataforma de Contratos do Estado da licitación do servizo integral de recollida e custodia de animais domésticos abandonados dentro do termo municipal do Concello de Monforte.
O prezo de licitación deste servizo é de 20.328 euros, IVE engadido, e a duración do contrato será por un período de 2 anos. A oferta tamén inclúe a posibilidade de renovar o contrato co Concello dous anos máis (1+1), sendo a duración total máxima de 4 anos, incluídas as prórrogas sinaladas.
O prazo para a presentación de ofertas será de 15 días naturais dende a súa publicación na Plataforma de Contratos do Estado, polo que o prazo rematará o luns 24 de maio ás 14:00 horas. O concurso estará aberto á participación de todas aquelas empresas que cumpran os requisitos establecidos nos pregos de prescricións técnicas e administrativas establecidos para dito proxecto. Así mesmo, o licitador terá que presentar un proxecto de actuación sobre a prestación do servizo que inclúa a recollida e/ou captura, traslado a un núcleo zoolóxico ou centro autorizado para tal fin, atención veterinaria, depósito e custodia, así como outros servizos que se dispensen ós animais abandonados segundo a normativa vixente.
O Alcalde destaca que “o obxectivo coa posta en marcha deste servizo dende o Concello, é retirar de maneira eficaz e de xeito periódico aqueles animais domésticos, especialmente cans que se atopen vagando polas rúas do Concello, e que sexa feito por persoal cualificado no manexo e coidado dos mesmos, a fin de garantir as condicións de saúde dos animais”.