Antom Fente, candidato á Alcaldía Por Chantada: "É hora dun cambio sereno máis profundo"
Falamos con Antom Fente Parada, candidato á Alcaldía de Chantada polo partido Por Chantada por terceira vez consecutiva.
Quen é Antom Fente e que é Por Chantada?
Son un veciño de Chantada, que mora entre Santa Uxía de Asma e Santa Cruz de Viana, e que desde 2015 participo nun proxecto veciñal que se chama Por Chantada, integrado no movemento cidadán Interior Galego Vivo, que busca respecto e condicións de vida dignas para as comunidades rurais.
En que momento cre que a xente comezou a ver o traballo realizado polo partido?
Desde o comezo, as veciñas e veciños sempre ven as cousas, e cada vez máis. Algunha xente dinos “eu de política non entendo”, mais non é certo. Todas e todos temos ollos na cara e vemos se se fan cousas ou non, se hai ansia por traballar ou mellorar, etc. Talvez a pandemia foi o verdadeiro punto de inflexión, cando a veciñanza demandaba información e acompañamento e do Concello non se sabía nada
Son o partido con máis seguidores nas principais redes sociais.
Non hai máis segredos que ser auténticos e desenvolver un traballo constante. A cultura do traballo que partillamos nas nosas parroquias e a constancia desde o diálogo e a humildade.
Desde o Partido Popular acúsase a Por Chantada de querer subir os impostos, que hai de certo nesta afirmación?
É unha de tantas calumnias que desprega un PP que anda nervioso porque as enquisas lle dan unha derrota clara fronte á nova maioría que Por Chantada lidera. É máis, as contas xerais do Concello de Chantada o que mostran é que se recadan no IBI urbano máis de 600.000 euros cada ano só polo denominado Catastrazo e que se non fose por iso aínda estaría a facenda local endebedada.
Iso son os dados e a realidade, o resto son os ataques mentireiros típicos daqueles que acusan aos demais do que eles sempre fixeron. No noso programa só falamos de criar un imposto para as liñas eléctricas, claro que algúns no PP teñen interese en que isto non sexa unha realidade pola súa implicación no sector da enerxía.
Nota á veciñanza con ganas de cambio?
É a constante desta campaña. A xente está farta de falsas promesas e de que non se faga nada fóra de período electoral. É a hora dun cambio sereno máis rotundo.
Que fai que xente tan diversa se una en torno ao proxecto de Por Chantada?
Veciñas e veciños que sempre viviron e apostaron por Chantada e que queren que o seu futuro e o dos seus siga estando aquí. Non hai pegamento máis poderoso ca iso.
Cre que a concentración do voto pode ser a clave para evitar a maioría do partido popular?
Por suposto, votar a Por Chantada é contribuír a artellar unha maioría de goberno alternativa que sexa garantía de mellora e de traballo e esforzo continuados.
Que lle diría a aquelas persoas que aínda non teñen claro a quen votar o 28 de maio? Que cómpre vencer o medo e as reticencias e apostar por un cambio auténtico, partillando a esperanza e a ledicia que centos de veciñas e veciños teñen en Por Chantada. Neste tempos tan difíciles sorrir e ter confianza no futuro é necesario.