Ana Pontón propón declarar zonas catastróficas as áreas queimadas en O Barco de Valdeorras e Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
Ana Pontón, portavoz do BNG, propón declarar zonas catastróficas as áreas afectadas polos incendios en Pobra do Brollón
ponton obarco portada
22 Xul 2022

Pontón propón que se declare zona catastrófica as áreas queimadas dos municipios de O Barco de Valdeorras e Pobra do Brollón.

A portavoz nacional, Ana Pontón, visita os dous dos concellos máis afectados pola vaga de lumes, para coñecer in situ o alcance dos incendios que cualifica de 'desastre ambiental, económico e social'. Por iso, a líder do BNG pide a declaración de zona catastrófica para as áreas máis impactadas polas lapas, como vía para obter todos os recursos necesarios para a súa recuperación, máxime tendo en conta o importante número de vivendas que foron pasto das chamas.

'A prioridade é apagar os lumes, pero hai que ir pensando no día despois e, neste sentido, propoñemos a declaración de zona catastrófica para que haxa axudas, recursos e se poñan todos os medios necesarios para a recuperación desas terras queimadas que, en moitos casos, teñen un alto valor ambiental e económico.  É necesaria a colaboración de todas as institucións para que se reverta o dano que se está causando', argumenta Pontón desde o concello do Barco.

Co obxectivo prioritario de  extinguir os incendios, Pontón demanda 'que se mobilicen todos os medios que sexan necesarios para poñer fin á situación de risco nas zonas afectadas tanto en Ourense como en Lugo'. Pero a portavoz nacionalista tamén considera que esta vaga de lumes debe supoñer 'un punto de inflexión' no drama repetido dun territorio que arde ano tras ano.

'Estamos vendo a virulencia e a gravidade destes incendios e todos e todas sabemos que os incendios apáganse no inverno, con medidas de prevención, con ordenación do territorio e apáganse poñendo freo ao despoboamento en moitas zonas de Galicia', salientou Pontón, tras manter un encontro co operativo ante lumes na sede do distrito forestal XIII Valdeorras-Trives. A dirixente do Bloque tamén considera clave combater o lume con medidas estruturais.

'O combate contra o lume require medidas de carácter estrutural, porque non podemos limitarnos a lamentarnos cada vez que hai un incendio, é necesario que esta última onda sexa un punto de inflexión e de paso a unha pola limpeza e ordenación do monte, pola prevención e por outro modelo forestal, porque todo o que se está a vivir neste momento vaise agravar co cambio climático', argumenta.

A portavoz nacionalista entende que 'non se pode mirar para outro lado e hai que asumir que as cousas non se están facendo ben, acabar coa política de abandono do noso monte e tomarse en mudar un modelo forestal porque co actual non podemos convivir no futuro'.

RECOÑECEMENTO

Pontón reitera a mensaxe de solidariedade, apoio e recoñecemento a todas as persoas que traballan nas labores de extinción, 'mesmo poñendo en risco a súa seguridade e a súa vida', como os bombeiros forestais e todos os efectivos das brigadas que se enfrontan a uns incendios de gran intensidade, 'E sabemos que moitas veces o fan desde a precariedade e a falta de medios e recursos, é un labor social o que están facendo'.

Tamén fai referencia especial ás persoas que perderon as súas vivendas, 'sabemos que é unha situación durísima, desesperada, teñen que saber que estamos todas e todos aquí, para axudar, para empuxar e facer todo o que estea nas nosas mans para que esta vaga de lumes acabe canto antes', conclúe.

Dende O Barco, a portavoz do BNG desprazábase á Pobra do Brollón, onde mantiña un encontro co alcalde, Xosé Lois Maceda, e coa veciñanza que tivo que ser desaloxada das súas vivendas.

0.19256997108459