Ampliouse e mellorouse a zona de xogos do Parque Eloísa Rivadulla de Chantada

RibeiraSacraXa
Foi unha importante actuación cun investimento de 48.400 euros que financia o Concello de Chantada cunha subvención da Xunta do 70 %
Parque-Eloísa-Rivadulla-Chantada
8 Ago 2024

O 15 de xullo comezaban as obras de ampliación e mellora da zona de xogos do Parque Eloísa Rivadulla, unha importante actuación dun investimento de 48.400 euros que financia o Concello de Chantada cunha subvención da Xunta do 70 %.

Anunciábase entón que o Parque Infantil abriría para as Festas de Chantada e desde este mércores, 7 de agosto, xa se poden utilizar as novas instalacións.

“Mellorouse unha área de 315 metros cadrados na que se repuxo o solo con EPDM, facendo debuxos de cores acordes coa contorna e con espesores especiais para amortiguar caídas. Colocáronse xogos de bambáns, xogos adaptados como randeeiras cesta, cunha casetiña que simula que estamos no medio do bosque con tobogáns, redes trepadoras e xogos de equilibrio”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

Desde a Concellaría de Parques e Xardíns de Chantada trabállase ampliando e mellorando zonas verdes, xa que o ano pasado fixéronse obras similares no Parque Infantil da Alameda. Co remate das obras do Parque Eloísa Rivadulla, o Concello de Chantada ten todos os Parques Infantís en condicións óptimas.

O Concello de Chantada executa así un plan de actuación de rexeneración de zonas verdes para crear espazos con menos vehículos para maior desfrute dos viandantes nunha aposta pola sustentabilidade.

Rematados todos os Parques Infantís da capitalidade municipal o Concello traballa nun estudo para dotar de este tipo de xogos ás zonas rurais.

“Hai que analizar en que parroquias temos nenos e nenas e a través das asociacións veciñais coñecer a demanda, para no vindeiro ano colocar nestes lugares randeeiras, plataformas, tobogáns, e outros xogos para o desfrute das nenas e nenos destas aldeas”, conclúe Manuel Lorenzo Varela.

0.11211895942688