Amplían a capacidade das embarcacións das rutas fluviais pola Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
A Deputación de Lugo aumenta deste este mesmo sábado os aforos no servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra.
catamarán ribeira sacra 2
9 Oct 2021

A Deputación de Lugo aumenta deste este mesmo sábado os aforos no servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. Tras o cambio das disposicións sanitarias autonómicas, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), as embarcacións provinciais poden viaxar ao 90% da súa capacidade, incrementando unha cuarta parte a súa capacidade respecto ás medidas establecidas con anterioridade.

Desde o organismo provincial manteranse vixentes as restantes medidas de prevención e contención da covid19, como as distancias de seguridade, o uso de máscaras, a desinfección dos monocascos ou a hixiene de mans. Tamén se continuará evitando que se produzan concentracións de persoas nos embarcadoiros.

A ampliación do número de viaxeiros nos catamaráns contribuirá a aumentar o efecto multiplicador que este servizo turístico da Deputación ten na economía da Ribeira Sacra, sobre todo na hostalería e no comercio local.

As persoas que o desexen poden reservar o seu billete na páxina web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 9 a 14.30 horas.

As viaxes en catamarán da Deputación de Lugo son un dos grandes atractivos da Ribeira Sacra para os visitantes deste territorio. No que vai tempada, que arrancou no pasado mes de marzo, máis de 26.000 persoas gozaron xa desta oferta turística, delas, 16.000 durante o verán, o que supón practicamente o 100% das prazas que estiveron dispoñibles.

Prezos e horarios

A institución mantén un ano máis os prezos para favorecer o fluxo de viaxeiros e a actividade económica que xera este servizo na zona sur. Deste xeito, as tarifas variarán entre os 9 e os 4 euros, tendo en conta se a viaxe se fai con billete ordinario ou reducido, ou con tarifa de grupo.

Ata a ponte festiva de decembro, as embarcacións saen de mércores a domingo, con dúas viaxes por día, na ruta que parte do embarcadoiro Ponte do Sil, e nas fins de semana, na ruta que sae do embarcadoiro de Belesar.

0.16500806808472