Ampliado ata o 30 de setembro o prazo para gastar os Bonos Impulso

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación tamén ampliou o período para solicitar estes descontos, ata o 31 de xullo, para facilitar o seu acceso.
Cabecera Bono Impulso
20 Jul 2021

A Deputación de Lugo ampliou o prazo ata o 30 de setembro para poder gastar os Bonos Impulso e tamén prorrogou o período de solicitude dos descontos ata o vindeiro 31 de xullo, co obxectivo, en ámbolos dous casos, de facilitar o acceso aos veciños e veciñas da provincia e garantir o máximo retorno económico posible desta iniciativa da institución provincial nos establecementos comerciais dos 67 concellos lucenses. A día de hoxe, recibíronse preto de 11.000 solicitudes de bonos, polo que a veciñanza aínda pode optar a outros 6.000, para completar os 17.000 que a Deputación puxo a disposición da cidadanía.

Os bonos de 30€, para compras dun mínimo de 60, que está a repartir a Deputación estanse a entregar por orde de inscrición e poden usarse para todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos, agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías. A solicitude pode facerse a través da páxina web da Deputación de Lugo, da sede electrónica ou mediante o procedemento habitual, presentando a documentación nas oficinas de Rexistro.

A Deputación fixo un reparto equitativo dos bonos entre todos os concellos da provincia seguindo criterios obxectivos, como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a iso, a Deputación estableceu un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes. Cada beneficiario deberá  usar o seu Bono nos establecementos adheridos ao concello no que reside, agás que non haxa ningún inscrito, xa que esta medida naceu co propósito de xerar actividade económica nos 67 municipios que conforman a provincia de Lugo.

Os bonos asígnanse por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello. Os beneficiarios reciben na súa casa, a través de correo postal, o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono é nominativo, é dicir, leva o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra.

Na páxina web da Deputación hai habilitado un espazo específico e visual onde os interesados poden encontrar información útil sobre a campaña. Así mesmo a institución provincial ten habilitado o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org e o teléfono 982.260.204 para calquera dúbida que poida xurdir. 

Efecto multiplicador

A Deputación destina 510.000€ para os Bonos Impulso, unha inxección económica en termos de consumo porque, segundo os estudos económicos dos técnicos, o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres, chegándose polo tanto a mobilizarse uns 1,5M€


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1740288734436