Ameaza dos gandeiros con volver sacar os tractores á rúa ante a subida do prezo de produción do leite

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Agromuralla asegura que as ganderías están nunha "situación límite" similar á de 2015, que motivou que os tractores ocuparan a Muralla.
vacas
16 sep 2021

Agromuralla asegura que as ganderías están nunha "situación límite" similar á de 2015, que motivou que os tractores ocuparan durante semanas a Muralla de Lugo.

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, que reúne a centos de gandeiros das provincias de Lugo e A Coruña, ameaza con saír cos tractores á rúa ante a "situación insostible" que viven os produtores de leite como consecuencia da "suba desmesurada" dos custos de produción.

"Este ano, desde o mes de xaneiro, o que nos custa producir disparouse, coas subas actuais no recibo da luz e o gasóleo e o incremento que se está danto nos pensos e as materias primas, pero o que nos pagan polo leite non se moveu e non nos dá para pagar os gastos, polo que estamos perdendo cartos todos os meses", asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que esixe ás Administracións públicas "medidas urxentes inmediatas para garantir un prezo digno e xusto aos produtores de leite que evite o peche en cadea das explotacións".

O novo presidente de Agromuralla, que colleu o testigo de Roberto López na asemblea celebrada o pasado mes de agosto, vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno para que traslade cal é a situación ao Ministerio e advirte de que "se non se toman medidas os tractores sairán á rúa porque a situación é insostible".

PREZO DO LEITE

A asociación Agromuralla, que xurdiu a raíz das tractoradas arredor da Muralla de Lugo levadas a cabo a finais de 2015 en protesta polos baixos prezos do leite, explica que "o prezo do leite leva anos conxelado mentras os custos de produción non deixaron de medrar, especialmente neste último ano" e lembra que "a Ley da Cadea Alimentaria aprobada polo Ministerio de Agricultura obriga a que os prezos en orixe dos alimentos se adapten ao que custa producilos".

"Non se está a cumprir a Ley", advirte José Luis Pérez Barreiro, que alerta de que nos últimos meses se está a producir un encarecemento en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando, pola suba de materias primas como a colza, a soia ou a fariña de millo, que subiron un 50% no último ano; o gasóleo agrícola, que pasou de 55 céntimos a 85; ou o recibo da luz, con incrementos de máis do 40% tralo cambio no modelo tarifario aprobado polo Goberno; o que está a reducir a escasa marxe coa que traballaban as explotacións leiteiras, un sector estratéxico para o conxunto de Galicia que ve ameazada neste momento a súa viabilidade.

Por iso, José Luis Pérez Barreiro demanda a "implicación directa" tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura e vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno en Lugo para que coñeza de primeira man a situación do sector e analizar os protocolos aos que exise a covid-19 de cara ás distintas accións de protesta.

No escrito, presentado esta semana, Agromuralla dá un prazo dunha semana para a celebración da reunión e advirte de que "no suposto de que no prazo de 7 días non teñamos resposta da Subdelegación do Goberno adoptaremos as medidas que consideremos máis oportunas para a defensa dos intereses do sector".

0.15101909637451