ALUCEM súmase á primeira Marcha Solidaria pola ELA que se celebrará en Monforte

A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) únese este 21 de xuño á voz das persoas afectadas pola Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), unha enfermidade que, explican, non só require comprensión, senón tamén compromisos reais por parte das institucións e da sociedade.
Desde ALUCEM reivindican a plena aplicación dos dereitos recollidos na Lei ELA, con especial atención á axilización dos trámites administrativos para evitar atrasos que afecten o benestar dos afectados, e ao acceso efectivo a recursos e prestacións legais, para que nin as persoas con ELA nin as súas familias se sintan desamparadas.
Ademais, reclaman unha maior sensibilidade social que respecte as necesidades tanto das persoas que conviven coa enfermidade como dos seus familiares e coidadores, peza fundamental no proceso. Tamén esixen un aumento significativo do orzamento público destinado á investigación, non só para atopar unha cura ou previr a ELA, senón para mellorar a calidade de vida dos afectados e do seu entorno.
Para visibilizar esta causa, ALUCEM participará o domingo 22 de xuño ás 10:30 horas xunto coa Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) nun acto que terá lugar na Praza da Compañía de Monforte de Lemos, co fin de sumar voces e promover unha sociedade máis xusta e solidaria con quen sofre esta enfermidade.
Trátase da primeira Marcha Solidaria con motivo do Día Mundial da ELA, que percorrerá varios municipios galegos, comezando en Monforte de Lemos o 22 de xuño ás 11:00 horas na Praza da Compañía. Esta marcha servirá como homenaxe a Germán, veciño de Monforte falecido hai oito anos por esta enfermidade, e busca transmitir unha mensaxe de unidade, loita e esperanza, así como sensibilizar á poboación sobre a realidade das persoas que conviven coa ELA.