Algúns representantes de concellos da zona sur de Lugo analizaron o tratamento de residuos
Os alcaldes dos concellos de Antas de Ulla, Monterroso, Guntín, Taboada, Palas de Rei e Portomarín reuníronse en Monterroso co obxectivo de dar unha resposta global os novos retos nos diferentes servizos de tratamento de residuos.
Tras varias xornadas de traballo, nos diferentes concellos adoptaranse medidas conxuntas para dar resposta ás novas necesidades do servizo. Así, manteranse as actuais tasas de recollida de cada concello e farase un enfoque conxunto da nova tasa de eliminación de residuos, que sera similar en todos eles.
Os alcaldes e alcaldesa buscan as solucións económicas máis vantaxosas para os veciños, garantindo a viabilidade do servizo e a efectiva prestación do mesmo, tratando de trasladar a mínima repercusión ao recibo final dos usuarios.
As diferentes corporacións abordarán nos seus respectivos plenos as modificacións nas ordenanzas municipais de cara o ano 2025.
Noutro ámbito, nestas xuntanzas abordouse tamén a posibilidade de acometer melloras e servizos de forma conxunta en ámbitos como a reciclaxe e a selección de residuos.