Algunhas vías de Taboada foron melloradas a través do 'Plan de Cooperación 2024 cos Concellos'

RibeiraSacraXa
Ademais, o alumnado do Obradoiro Dual de Emprego Serra do Faro vén de rematar recentemente a execución da beirarrúa esquerda da Rúa Conde de Taboada
arranxo-de-camiños-en-Taboada
12 Xul 2024

O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, informa dalgunhas das obras que se estiveron a desenvolver estes días no marco do 'Plan de Cooperación 2024 cos Concellos' da Deputación de Lugo.

Desta maneira, levouse a cabo o acondicionamento de camiño entre Relás e A Medela, o afirmado de vías de acceso a vivendas en Laxelas e en Rúa Aviación Española, o acondicionamento do camiño da Chousa no lugar de As Neves, en Meixonfrío; o acondicionamento de camiño de acceso a Vilameñe, desde a N540; e o afirmado de vía de acceso a vivendas en Vilar de Cabalos.

Ademais, o alumnado do Obradoiro Dual de Emprego Serra do Faro vén de rematar recentemente a execución da beirarrúa esquerda da Rúa Conde de Taboada. Dita rúa, xunto coa explanada do aparcamento do CPI San Tomé do Carballo, será aglomerada o antes posible. Concretamente, a idea do Goberno é que en setembro, para o inicio do curso escolar, estea xa rematada "para causar as mínimas molestias posibles e para que o incremento de tráfico non dificulte os traballos".

Así, o rexedor defende que é unha "prioridade para o equipo de goberno era a mellora e a humanización desta parte da vila, e co aglomerado da rúa Conde de Taboada e da explanada do CPI, ademais de co arranxo da beirarrúa, damos un paso importante", conclúe.

Finalmente, avanza que teñen en mente tamén levar a cabo melloras na Rúa Ánxel Fole e, en xeral, en toda a zona.

0.18870806694031